Un feixe de estereotipos negativos nas rapazas dos debuxos animados

estudo_debuxos_animadosPresentadas como consumistas, superficiais, celosas e obsesionadas polo seu aspecto.

As mozas que aparecen nas series de debuxos animados que se emiten en televisión están asociadas a estereotipos negativos: son consumistas, superficiais, celosas e obsesionadas polo seu aspecto físico e por agradar os demais. Ademais, só un 33,6% dos personaxes son mozas (hai unha por cada dous mozos), e o seu papel está relegado case sempre ao de noiva, nai ou acompañante do protagonista ou do malo da serie.

Estas son algunhas das conclusións dun estudo levado a cabo por investigadores do departamento de Debuxo da Universidade de Granada (UGR), o máis completo sobre debuxos animados que se realizou ata a data a nivel estatal, segundo os autores.

Neste traballo analizáronse 163 series de debuxos animados, tanto españolas como estranxeiras, que se emiten actualmente na televisión, prestando unha especial atención aos 621 personaxes que aparecen nelas.

O documento destaca que por norma xeral, os personaxes femininos dos debuxos animados presentan un físico saudable, aínda que moitas destas mulleres están excesivamente delgadas, unha característica que non se ve nos personaxes masculinos. Ademais, existen un número pequeno de mulleres, normalmente maiores, que presentan sobrepeso, algo que non aparece tanto no caso dos homes.

Entre as calidades da personalidade dos personaxes femininos “destaca a súa intelixencia, xa que en numerosas ocasións as mozas fan unha reflexión sobre as súas situacións e o modo de resolvelas. Con todo, tamén existe un gran número de mulleres un tanto presuntuosas”, advirten os autores principais deste traballo, os profesores da UGR Concepción Alonso Valdivieso e Jesús Pertíñez López.

Presumidas ou tolas polas rebaixas

Os investigadores poñen a popular serie ‘Monster High’ como exemplo da “nefasta imaxe” que os debuxos animados transmiten da muller, “cunhas protagonistas absolutamente superficiais que van ao instituto en tacóns e moi maquilladas, que sempre están falando da súa imaxe e cuxa maior preocupación é conquistar mozos”, apuntan os expertos. A nai de ‘Shin Chan’, unha muller histérica e berrona presentada como unha tola das rebaixas, é outro exemplo desta imaxe.

No caso dos personaxes masculinos, os investigadores da UGR destacan que por norma xeral todos teñen un físico saudable, nin obesos nin delgados, e é curioso que o máis frecuente é que non exerzan ningunha profesión, mentres que as mozas son na súa maioría estudantes. “Ademais, sempre que aparece un cargo directivo (alcalde, presidente, etc.) trátase dun home, e o pai é o que traballa. As nais son sempre amas de casa, coa excepción da serie ‘Johnny Test’, onde a nai é a que traballa e o pai encárgase das tarefas do fogar”.

Os investigadores sinalan que, no caso dos personaxes humanos (xa que tamén hai moitos zoomorfos), “é impactante que a inmensa maioría son de raza branca, e en contadísimas ocasións aparece un protagonista negro, chinés ou suramericano. Isto significa que existe aínda un afastamento non só no tratamento igualitario entre sexos, senón tamén entre razas. Non se pode ofrecer esta visión do mundo a nenos que absorben e aceptan esta realidade como verdadeira, xa que se lles educa en crenzas e actitudes equivocadas e obsoletas”, advirten.

Dirixidas por homes

Outro aspecto que puxo de manifesto o estudo levado a cabo na Universidade de Granada é que a inmensa maioría das series de debuxos animados están dirixidas por homes: só o 9,2% foron dirixidas por unha muller, unha cifra que se reduce ao 7,4% no caso das series de animación españolas. “Este dato reflicte perfectamente a dificultade das mulleres para alcanzar postos directivos – explican os autores -, xa que hai moitas máis mulleres con titulacións como Belas Artes ou Comunicación Audiovisual que homes”.

Á luz dos resultados deste traballo, os investigadores da Universidade de Granada advirten da necesidade de controlar as series de animación que ven os nosos fillos e fillas. “A maioría dos pais e nais pensan que, polo simple feito de ser debuxos animados, o seu contido é inofensivo e adecuado para a idade dos seus fillos, e non hai nada máis lonxe da realidade: os debuxos non poden facer á vez de coidadores dos nosos fillos”, conclúen Alonso e Pertíñez.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*