Favorecer a conciliación e evitar os “guetos laborais”, claves para fomentar a inserción profesional feminina

alberto_vaquero

 

Malia que durante a crise observouse un efecto máis negativo do paro nos homes, son as mulleres as que máis están sufrindo laboralmente, que xa partían dunhas malas condicións de traballo. Tras sete anos de crise, a situación do colectivo feminino no mercado laboral “é crítica, xa que ademais de ter unha maior taxa de paro, presenta máis dificultades de inserción e ve como as súas condicións laborais seguen empeorando”. Son algunhas das conclusións recollidas polo profesor Alberto Vaquero na monografía Situación e avaliación das actuacións laborais e fiscais para a mellora do mercado de traballo. Especial incidencia para o colectivo feminino, no que analiza as medidas tomadas para mellorar a incorporación das mulleres ao eido laboral a partir de incentivos á contratación e ao fomento do emprego.

O estudo revela que as medidas fiscais, de cotización ou de autoemprego “non tiveron o efecto inicialmente previsto, posiblemente por ser actuacións moi xeralistas” e polo elevado impacto que tiveron dous efectos: o peso morto, que recolle aqueles casos no que a aplicación destas medidas activas supoña a creación de novos empregos que se podían xerar igualmente sen axudas, provocando “un gasto público ineficiente”; e o de substitución, polo que algúns desempregados logran un posto de traballo que sen subvencións iría a parar a outra persoa non beneficiaria do programa, empeorando a capacidade de inserción doutro colectivo.

Poucas mulleres en postos de mando

A todas estas barreiras hai que engadirlles problemas endémicos do colectivo feminino na incorporación ao mercado laboral como a dificultade para a conciliación familiar e laboral, os sistemas de promoción “subxectivos” ou os patróns masculinos de moitas empresas. As estatísticas reflicten que a proporción de mulleres entre os altos directivos é lixeiramente inferior ao 34%, que só representan o 11% dos membros do consello de administración de empresas que cotizan en Bolsa, o 8% dos postos de alta dirección ou o 5% dos de presidencia. E aínda que se comproba un incremento da presenza feminina nos postos base e intermedios, como nos cargos directivos funcionais (30%), o 70% das empresas españolas non conta con ningunha muller no seu consello de dirección. Todo o contrario ao que sucede por exemplo en Noruega, onde cun 42% estase preto de acadar a paridade.

Como asegura Vaquero, “por mor da maternidade as mulleres poden, voluntariamente ou non, ver interrompida a súa carreira profesional”, dando lugar a unha vida laboral máis curta e a unha depreciación máis rápida do investimento en capital humano deste colectivo. Por iso, “nun momento no que aínda é pronto para falar do final da crise económica é necesario seguir aplicando medidas tendentes a mellorar a profunda fenda que a crise provocou no mercado laboral”.

Triplicada a taxa de paradas de longa duración

Nun escenario caracterizado por unha flexibilización cada vez maior con “escasa seguridade laboral”, o colectivo feminino viu como dende o inicio da crise se triplicaba a taxa de paradas de longa duración, aumentaba a segregación profesional e diminuía o salario. Para Vaquero habería que “aplicar políticas de conciliación” investindo por exemplo en “infraestruturas que eviten que ter unha familia sexa unha desvantaxe”, como instalacións para atender tanto a descendentes como a ascendentes dependentes.

Entre as medidas a tomar, o profesor aposta por evitar a concentración laboral do colectivo feminino nuns poucos sectores, intentando que non se creen “guetos laborais” que “dificultan a recolocación en caso de despido e limitan a promoción laboral”. “Resulta paradoxal que o 60% das persoas cun título universitario sexan mulleres e que só representen o 45% da poboación activa ou o 11% dos postos directivos”, subliña Vaquero. Esta realidade “precisa introducir importantes cambios de maneira inmediata”, xa que a Lei de Igualdade formulaba que en 2015 a porcentaxe de mulleres nos consellos de administración debería ser polo menos do 40% e, “a tenor das actuais cifras non parece que se vaian acadar a curto ou medio prazo os resultados esperados”.

Na publicación recóllese a necesidade de apostar por medidas que discriminen positivamente ás mulleres no mundo laboral, con bonificacións fiscais ou á Seguridade Social, campañas de concienciación para eliminar estereotipos e instrumentos de conciliación que non sexan empregados case en exclusiva por mulleres. Tamén debe evitarse “a aplicación de programas xerais dos que se obteñen resultados moi discretos”, potenciar a capacidade emprendedora, mellorar a transición entre formación e mercado laboral e avaliar os resultados “sobre todo cando se invisten grandes cantidades de fondos”, como se apunta no libro, no que se abordan todas estas cuestións dende unha perspectiva teórica e práctica repasando as actuacións europeas e nacionais e analizando as potencialidades e limitacións e a súa incidencia no mercado de traballo.

“Por desgraza parece que coa crise económica, a igualdade ten que pasar necesariamente a un segundo plano, potenciando outras actuacións. Pero, actuando así, lonxe de incrementar as posibilidades laborais das mulleres estaríase provocando todo o contrario”, asegurou Alberto Vaquero, para que o problema endémico de desemprego en España non axuda a mellorar o grave situación de inserción laboral do colectivo feminino. Para este investigador, “a igualdade de xénero precisa da igualdade laboral. Ata que o último non se acade dificilmente desaparecerán as situacións discriminatorias”.

Autora: Noemí Rey / Universidade de Vigo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*