Ignacio Ribas, homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2016

dia-ciencia-galiciaCamiño da xornada de celebración do próximo 8 de outubro.

Cada 8 de outubro, a Real Academia Galega de Ciencias escolle un científico que sirva de referencia para a promoción do coñecemento e a divulgación científica en Galicia. En 2016 o elixido foi, coincidindo cos vinte anos desde o seu pasamento, Ignacio Ribas Marqués, galego de adopción nado en Mallorca que viviu desde 1942 en Santiago de Compostela ata a súa morte en 1996, e presidente de Honor da Asociación de Químicos de Galicia (1950), Colexiado de Honor do Colexio Oficial de Químicos de Galicia (1978) e Medalla Castelao (1991).

Moi reivindicativo co financiamento da ciencia e coa conexión entre a investigación e a empresa, foi colaborador de Zeltia e do Instituto Servet. Destacan desde a Real Academia de Ciencias que foi artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, continuado pola numerosa escola de discípulos aos que formou.

“Bautizador” da coruñina e a santiaguina

Autor de 157 publicacións científicas, cofundador e primeiro presidente do Grupo Especializado de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Física e Química e creador da escola compostelá de química de produtos naturais, de gran prestixio internacional, Ribas Marqués deixou unha impronta en Galicia que estaba pendente de dar a coñecer á sociedade. No seu gremio, fora xa recoñecida polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que lle puxo o nome do científico aos seus premios.

O obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A xesta, a carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes tan curiosos como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*