Edugal, salón da Educación do Noroeste peninsular

Edugal - salón da Educación do Noroeste peninsularPontevedra acollerá este evento entre o 12 e o 14 de abril.

A programación definitiva aínda non está dispoñible, mais os promotores avanzan que o esquema de Edugal baséase en tres liñas: stands informativos, nos que os centros e institucións participantes (públicas e privadas) amosarán a súa oferta; actividades formativas, nas que que se encadran as conferencias, debates e coloquios e, finalmente, actividades paralelas, como poden ser algunhas actividades deportivas e relacionadas cos ámbitos cultural e tecnolóxico.

Os asistentes ao Salón poderán obter información sobre todas as opcións que ofrecen as universidades galegas, do Norte de Portugal e algunhas españolas e mesmo internacionais. Poderán saber tamén sobre os estudos de formación profesional, a oferta existente de formación militar e, finalmente, as ofertas de estudos e idiomas no estranxeiro. Conceptos como as becas de estudos, de mobilidade, a busca activa de emprego e o e-learning estarán tamén presentes.

Unha convocatoria que pretende estabilizarse no calendario
A convocatoria é iniciativa da Asociación de Pequenos e Medianos Empresarios de Pontevedra (AEMPE), que para a organización conta coa colaboración da concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra.

Desde a AEMPE sinalan qu se trata dunha aposta “pola mellora na integración profesional no mundo da empresa”. “Unha oportunidade”, segundo Eduardo Barros, directivo da asociación, para que os mozos e mozas que están en formación ou en postformación “teñan unha visión completa de toda a oferta educativa existente no escaparate da eurorrexión Atlántica”.

Segundo explican, a vontade é que a actividade continúe en próximos anos, xa que actualmente só hai eventos similares en Madrid ou Barcelona. A programación definitiva está a ser elaborada por un panel de expertos nos que hai xente do sector do ensino, do Concello, de Aempe e de sindicatos.

A concelleira Carlota Román indicou que se trata dunha aposta máis pola celebración de eventos feirais e congresuais en Pontevedra e dixo esperar que sirva para abrir debate sobre asuntos como o fracaso escolar e sobre o difícil momento presente e o futuro da Educación, especialmente no sector público.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*