A dislexia causa problemas na expresión oral ademais de na lectura

Imaxe: Fotolia vía axencia SINC
Imaxe: Fotolia vía axencia SINC

Un estudo identifica déficit na detección das sílabas acentuadas ao escoitar as palabras.

Malia o nivel de estudo e da intelixencia do individuo, a dislexia pode xerar dificultades á hora de recoñecer de xeito correcto e fluída as palabras, de escribir sen faltas de ortografía e de descodificar as palabras. As consecuencias inmediatas repercuten na comprensión escrita e na lectura, o que impide que estas persoas desenvolvan de xeito natural o vocabulario e a memoria necesarios.

Na actualidade, os expertos atribúen este trastorno a un déficit fonolóxico, que consiste na dificultade para representar axeitadamente os fonemas, para automatizar as regras de conversión grafema-fonema e para manter a información fonolóxica na memoria de traballo.

Un novo estudo, publicado en Research in Developmental Disabilities, demostra por primeira vez na lingua española, en inglés xa había evidencias, que a dislexia non só é un problema para a adquisición da lectura. Os nenos e as nenas con esta dificultade de aprendizaxe presentan tamén un déficit no procesamento prosódico (tamén chamado fonoloxía suprasegmental).

Para demostralo, o equipo de científicos, liderado pola Universidad de Granada (UGR), realizou unha serie de experimentos con 31 nenos españois: “Deseñamos unha tarefa que consistía en que os participantes tiñan que detectar e sinalar co teclado a sílaba acentuada dunha serie de estímulos que se presentaron oralmente”, explica a Sinc Gracia Jiménez-Fernández, investigadora no departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da UGR e autora principal do traballo.

Máis erros en nenos disléxicos

Nunha primeira tarefa, os estímulos eran palabras trisílabas que podían ser agudas (con ou sen til), graves (con ou sen til) ou esdrúxulas. A segunda tarefa tivo a mesma estrutura pero os estímulos presentados foron pseudopalabras, palabras non existentes en español pero que respectan as súas regras grafotácticas como, por exemplo, “cátupos”.

“É importante destacar que as palabras e pseudopalabras presentáronse oralmente, é dicir, en ningún momento o neno tiña que lelas, só escoitalas e sinalar co teclado a sílaba acentuada”, destaca Jiménez-Fernández.

Segundo os resultados, o grupo con dislexia mostrou significativamente un maior número de erros na detección da sílaba acentuada e, ademais, un maior tempo de resposta. Así mesmo, as comparacións entre o rendemento en palabras e pseudopalabras revelaron que os participantes do grupo control (sen dislexia) empregaban diferentes estratexias en cada caso, de modo que se podían beneficiar do coñecemento léxico que posuían das palabras.

Con todo, os participantes do grupo de dislexia tendían a aplicar unha única estratexia para procesar palabras e pseudopalabras sen poder utilizar o seu coñecemento léxico. “O que non sabemos aínda é se o grupo de dislexia non posúe o devandito coñecemento léxico ou, malia posuílo, non pode utilizalo neste tipo de tarefa”, apunta a investigadora.

Para os autores, é “crucial” incorporar tarefas con pseudopalabras para estudar este tipo de dislexia e para que os nenos aprendan a diferenciar tons, acentos e entoación das palabras. Así, “a intervención en dislexia non só debe incluír actividades de lectura e fonoloxía segmental (conciencia fonolóxica) senón que se debe prestar especial atención ao procesamento suprasegmental ou prosódico”, advirte a investigadora.

Referencia bibliográfica:

Jiménez-Fernández, Gracia; Gutiérrez-Palma, Nicolás; Defior, Sylvia. “Impaired stress awareness in Spanish children with developmental dyslexia” Research in Developmental Disabilities 37: 152-161 DOI: 10.1016/j.ridd.2014.11.002 febrero de 2015

 

Fonte: Axencia SINC / UGR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*