A ONU alenta unha batalla contra o plástico nos océanos

A ONU alenta unha batalla contra o plástico nos océanosCada minuto, o equivalente en plástico a un camión do lixo cheo é vertido ao mar.

A imaxe é ben alarmante, imaxinemos unha longa ringleira de camións diante dunha praia, e cada minuto un deles, cheo ata os topes de plásticos, verte toda a súa carga na auga do mar… Pois tal cal é o cálculo que os investigadores certifican sobre a grave situación actual, millóns de toneladas de plástico afogando os océanos continuamente durante todo o ano. A ese ritmo, en 2050 o 99 por cento das aves mariñas xa terán inxerido plástico nalgún momento, porque o 90% do lixo que flota nos océanos é xa plástico. Uns danos que son tamén economicamente cuantificables e que ascenden, como mínimo, a 8 mil millóns de euros. E é que non só causamos estragos na flora e fauna mariña, senón que o turismo e a pesca obviamente sofren desas malas prácticas.

Fronte á gravidade da situación, a organización da ONU para o Medio Ambiente lanzou a campaña mundial #MaresLimpos, cambia a marea do plástico! Países, empresas e distintos persoeiros asinaron a súa adhesión á iniciativa. Pero o día a día das nosas propias prácticas cotiás e a capacidade de presión colectiva será clave para virar a situación: pensemos que un dos produtos máis habituais en moitas praias son as bolsas de plástico que, a día de hoxe e malia as diferentes campañas, aínda teñen un uso masivo entre a sociedade.

A campaña da ONU solicítalle aos gobernos a comprometérense no deseño de políticas para a redución do plástico e á industria para estimular as alternativas e minimizar os envases e redeseñar produtos. Ao tempo, apélase aos consumidores a deixar ese nocivo hábito de usar e tirar produtos plásticos.

“Chegou o momento de tratar o problema do plástico que dana os nosos océanos: a contaminación por este material navega xa polas praias de Indonesia, instálase no fondo do océano no Polo Norte e chega deica as nosas mesas a través da cadea alimentaria. Permanecemos á marxe demasiado tempo, e o problema empeorou. Esta tendencia debe deterse”, explicou Erik Solheim, director executivo da ONU Medio Ambiente.

O sitio web da Campaña Mares Limpos

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*