
O movemento antivacinas é unha das causas ás que se lle atribúe a reaparición da enfermidade en varios puntos de Europa.
O Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría facíase eco a pasada semana dos abrollos de xarampón recentes en Portugal entre os meses de febreiro e maio deste 2017. Hai que lembrar que a Organización Mundial da Saúde certificara hai apenas un ano a eliminación completa da enfermidade en Portugal, unha condición que a OMS só emite cando a ausencia de transmisión da enfermidade se certifica cando menos durante 12 meses sucesivos.
O actual abrollo é xa que logo o primeiro despois de 12 anos sen transmisión mantida despois de que Portugal instaurase en 1974 a vacinación fronte ao sarampelo. Foron un total de 156 casos sospeitosos da enfermidade, dos que se confirmaron 28, a maioría en adultos, sendo sete dos casos en menores de 10 anos.
Nesta ocasión ademais, houbo que lamentar a morte dunha adolescente de 17 anos. A moza, que non recibira a vacina, contaxiouse ao estar en contacto na sala de espera dun hospital cun cativo de apenas 13 meses que non fora vacinado. En Portugal o índice de vacinación estímase nunha porcentaxe de arredor do 93%, mais en Sintra, área onde vivía esta familia, a cifra é mesmo inferior ao 90%. A prensa portuguesa informou de que nin a rapaza nin as súas dúas irmás fora vacinadas por desexo de seus proxenitores, contrarios ás vacinas e crentes na homeopatía. O caso únese a diversos abrollos dunha enfermidade contaxiosa que de ser moi rara nas consultas europeas, debido, segundo os expertos, ao movemento antivacinas, volve aparecer nos consultorios médicos de moitos países do continente.