Familias de colexios da Coruña e Oleiros denuncian a falta de profesorado de atención á diversidade

Fachada do colexio Labaca na CoruñaCo curso xa iniciado, advirten da ausencia de profesorado nas escolas Labaca e Rosalía de Castro.

Os mencionados centros non teñen profesorado de Audición e Linguaxe nin se confirmou a próxima incorporación de docentes especializados na atención a alumnado con necesidades especiais. Desde a asociación de nais e pais destes centros coruñeses recordan que tamén se retirou persoal auxiliar educativo. No caso do colexio Labaca, no curso anterior a persoa encargada desta área atendía a case dúas ducias de nenas e nenos.

Segue así, denuncian as familias, un progresivo proceso de erosión da atención educativa nos centros. Hai dous anos o centro aínda dispoñía do equivalente a unha praza e media nesta área, que o curso pasado xa se reducira a só unha praza e agora desaparece o servizo docente de atención á diversidade. Segundo as familias, e malia o grave déficit de atención e a discriminación que a comunidade educativa está denunciando que esta situación provoca, a día de hoxe a inspección educativa consideraría que as necesidades do alumnado dos centros están cubertas polo que a Xunta non iría atender as reclamacións.

No mesmo sentido, familias do CEIP Valle Inclán de Perillo, no Concello de Oleiros, tamén denuncian estes días que se verán prexudicadas pola denegación dunha das dúas prazas necesarias de profesionais de Audición e Linguaxe. Isto implicará a redución na atención semanal de horas ao alumnado que se viña beneficiando directamente desta atención docente, máis de trinta nenas e nenos.

*A escola da vosa familia sofre problemas como os mencionados? Podedes escribirnos ao correo contacto @ botons.eu e contarnos o caso

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*