Preocupación do profesorado pola prevención sanitaria cara ao curso 2020/2021

Cuestionario realizado pola CIG-Ensino nos centros que imparten Bacharelato e FP.

O curso rematou en 2º de Bacharelato cunha presenza mínima de alumnado: tan só un 17% do total do alumnado matriculado asistiu ás aulas despois dos primeiros días, evidenciando un descenso moi importante sobre as cifras do primeiro día (25 de maio), que superou o 35% de alumnado de Bacharelato que se presentou nos seus institutos.

A CIG-Ensino considera que o protocolo establecido tanto no ámbito sanitario como no organizativo ou laboral, “non pode considerarse testado de cara ao inicio do vindeiro curso escolar, pois non se puideron detectar todas as posíbeis casuísticas nos centros”. “O nivel medio de incidencias foi reducido, como é obvio con tan baixa incorporación, mais cómpre destacar determinadas cuestións de cara á necesaria programación do curso escolar 2020/21, do que a estas alturas só se coñece o documento de “recomendacións” publicado polos Ministerios de Educación e Sanidade e sen que a Consellaría de Educación teña formulado ningunha proposta nin moito menos convocada mesa sectorial”, expoñen.

A maioría dos centros dos centros que contestaron ao cuestionario aludiron a diferentes problemáticas no ámbito da prevención sanitaria, sendo a ausencia de EPIS ou a propia prevención de riscos as cuestións mais destacadas. É de subliñar que aqueles que indican non ter problemas neste ámbito, aseguran nunha porcentaxe moi alta, que isto se debeu ao esforzo e traballo realizado pola propia equipa directiva e/ou o persoal do centro. O colectivo sindical xa reclamara días atrás que cara ao próximo curso se urxa ao deseño dunha estratexia baseada na necesidade de máis profesorado, menos ratios, distanciamento físico, alteración de espazos e medidas de protección e hixiene, como principais eixos para garantir a presencialidade no curso 2020/21.

Máis información sobre a enquisa

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*