Correlingua 2024: Dende aquí até acolá, galego xa

Correlingua volve encher o país da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado. Correlingua desenvólvese en once localidades durante este mes de maio e en cada unha delas participan alumnas e alumnos dos centros da súa contorna. Concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.

As actividades foron presentadas no Concello de Santiago poñendo especial fincapé na importancia de traballar coa xente nova para garantir o futuro da lingua desde a festa e a celebración. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras: Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Anxo Terán, presidente da AC Correlingua; Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística; Xerardo Rodríguez Roca, da AS-PG; e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo, ademais do de Santiago.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, explicou na presentación de Correlingua a importancia de eventos que chamen pola xuventude e pola rapazada para reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira “festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o noso idioma e a nosa cultura”.

Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS_PG, sinalaron a importancia dunha cita que pronto acadará un cuarto de século reivindicando de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas. Unha festa na que está implicada toda a comunidade educativa e a as localidades nas que se celebra.

Para Suso Bermello, “Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma”. O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua “a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro”. Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, salientando por unha banda o esforzo para todas as institucións que facilitan a súa celebración, pero chama a atención que a institución que ten todas as competencias, a Consellería de Educación, non participe”.

Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou as dimensións do Correlingua para este ano, apuntou as datas de celebración das festas que decorrerán o mes de maio engandido que “todas as iniciativas que promove o Correlingua nos centros supoñen na práctica que o “Correlingua estea en marcha todo o ano escolar”. Tamén salientou o feito de que Correlingua cumpra 24 anos o que a convirte “nunha das principais referencias na defensa da lingua”.

O presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, sinalou a importancia de todas as actividades que o evento realiza nos centros, os obradoiros os concursos, os encontros con autoras, actividades que mobilizan aos centros e que tamén mobilizan sectores da cultura do país como o musical, Terán deu a coñecer os gañadores da convocatoria do Correlingua deste ano que, en total, distinguiu cinco cancións de outras tantas formacións: 1º A Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’, 2º Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’, 3º Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’ e 4º Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ e Pauliña con ‘Pauliña sen faser nada’. Estas bandas e solistas serán as encargadas de animar as festas nas once localidades que este ano visitará o Correlingua

AXENDA

venres 3- A Coruña ao pé da Torre de Hércules
luns 6 – Narón no Auditorio Municipal
martes 7 – Bueu na Praza de Massó
mércores 8 – Lugo na Praza de Sta María
mércores 15 – Ourense no Auditorio e na Praza Maior
luns 20 – Compostela na Alameda
martes 21 – A Estrada na Praza da Feira
xoves 23 – Vigo no Parque de Castrelos
venres 24 – Monforte na Praza dos Condes
luns 27 – Pontevedra na Alameda
mércores 29 – Burela na Praza da Mariña

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*