Como lle afecta á saúde infantil o cambio horario?

Imaxe: bbc.co.uk
Imaxe: bbc.co.uk

Autor: Ramón Ugarte

Fonte: AEPAP / Fundación Roger Torné
Os cambios horarios que se producen dúas veces ao ano afectan os ciclos de sono e poden crear problemas de comportamento, cansazo ou alteracións de apetito nos nenos e nenas. No entanto, uns días de adaptación son suficientes para superalos. O doutor Ramón Ugarte, do Grupo de Soño da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), dá algunhas recomendacións para que o axuste se produza do mellor xeito (O artigo está incluído no monográfico ‘Hábitos e saúde infantil’ da revista Inspira, da Fundación Roger Torné).

O soño dos nenos maiores de seis meses está relacionado co ciclo luz-escuridade e a produción de melatonina, que é a hormona que activa os mecanismos do sono. Este ritmo altérase bruscamente a consecuencia de que algúns gobernos decretan ese cambio horario en busca dun discutido aforro enerxético.

Este cambio horario non é relevante en lactantes menores de tres meses porque o seu ritmo de vixilia-sono non é de 24 horas (circadiano) e si de varios ciclos de vixilia-sono en 24 horas (ultradiano). En lactantes de máis de seis meses de idade non é raro que se produzan desaxustes no sono que convén recordar que son temporais. Algúns nenos e nenas necesitan ata unha semana para normalizar o seu horario de sono pero débense manter as rutinas que se realizaban antes para deitar ao neno. Paralelamente aos problemas á hora de durmir, non é infrecuente que poidan producirse algúns cambios de carácter e menos apetito.

En nenos e neas escolares estes cambios adoitan ser mellor tolerados pero tamén xeran problemas de sono, de comportamento, cansazo, alteracións do apetito e peor rendemento escolar.

En adolescentes, e especialmente naqueles que presentan unha tendencia a durmirse máis tarde e erguerse máis tarde (cronotipo de vespertinidade), o axuste é peor que naqueles que se levantan cedo e se deitan cedo (cronotipo de matutinidade). Ademais dos cambios de carácter, apetito e rendemento académico que poden presentarse neste grupo de idade, o período de adaptación ao novo horario pode ser un factor que incremente o risco de accidentes en vehículos a motor e bicicletas.

Algúns expertos consideran que os cambios horarios permitiríanlles aos nenos e nenas un maior tempo para facer exercicio (uns 4 minutos máis ao día) coas vantaxes que iso supón.

Naqueles nenos e nenas que presentaron problemas de adaptación co cambio de horario aconséllase anticipar ou atrasar, segundo sexa o cambio horario outonal ou primaveral, uns dez minutos ao día cada día a semana previa ao cambio de horario tanto en alimentación como nas rutinas previas á hora de ir á cama.

En nenos e nenas escolares e adolescentes é importante evitar cafeína (bebidas enerxéticas, colas, café ou té) e outros estimulantes e moderar o tempo de exposición a pantallas (televisión, videoxogos, teléfonos móbiles) para non alterar máis a regulación do sono por inhibición da produción de melatonina ocasionada pola luz.

Non se aconsella o uso de medicación, incluída a melatonina, para tratar estes problemas que, non hai que esquecer, son pasaxeiros.
http://www.fundrogertorne.org/salud-infancia-medio-ambiente/divulga/inspira-nuevo/2014/10/27/el-cambio-horario-asi-afecta-a-la-salud-infantil/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*