Cólicos en bebés

unha cuarta parte dos nenos padecen estes cólicos durante os primeiros meses de vida
Unha cuarta parte dos nenos padecen estes cólicos durante os primeiros meses de vida
Poucas cousas poden ser máis frustrantes para uns pais que ver ao seu bebé chorando de xeito continuo sen causa aparente. Non obstante, é algo bastante frecuente, pois en torno a unha cuarta parte dos nenos padecen estes cólicos durante os primeiros meses de vida. Para facerse unha idea do que supón, a definición máis estendida do cólico do lactante fala dun choro intenso polo menos 3 horas ao día, 3 días á semana durante polo menos 3 semanas nun bebé san e ben alimentado.

Adoita aparecer a partir dos 15 días de vida, sendo especialmente frecuente en torno ao mes e medio e desaparecendo cara aos 4 meses de idade. Por esa razón coñécense tamén como cólicos do primeiro trimestre.

Causas

É normal que un bebé chore en determinadas situacións: porque teña fame ou sede, incomodidade por calor, frío ou o cueiro mollado, ruído ambiental ou, simplemente, como forma de reclamar atención ou contacto dos seus pais. Neses casos o bebé tranquilízase se se satisfán as súas demandas. Non obstante, a causa dos cólicos do lactante non se coñece ben, polo que se propuxeron diversas explicacións.

Poden estar influídos por factores psicolóxicos e sociais, como unha excesiva estimulación do bebé, unha resposta esaxerada ou ansiosa ante o seu choro, cambios constantes na rutina diaria, así como o cansazo e a inexperiencia dos pais (é máis frecuente no primeiro fillo). Por parte do bebé pode existir unha hipersensibilidade ante determinados estímulos.

Tamén se formulan causas dixestivas, como a propia inmadurez do aparato dixestivo dos bebés, con moita facilidade para que as fibras musculares do intestino se contraian xerando cólicos dolorosos e dificultade para expulsar os gases. Poden influír alteracións na flora bacteriana intestinal ou a presenza de estrinximento. En canto á dieta, hai poucas diferenzas entre o tipo de lactación, aínda que con leite materno son algo menos frecuentes. A alerxia ás proteínas do leite de vaca pode ser un desencadeante dos cólicos nunha pequena parte dos casos, que mellorarían ao usar unha fórmula láctea especial ou ao retirar os lácteos da dieta da nai no caso de que reciba leite materno.

Síntomas

O característico dos cólicos do lactante son ataques de choro de inicio repentino, máis frecuentes durante a tarde e a noite, que poden durar dende uns minutos a varias horas. O bebé adoita encoller as pernas sobre o abdome e pechar os puños, manténdose vigoroso e coa cara arrubiada polo esforzo. Cando o choro cede, vólvese encontrar cun aspecto normal.

Diagnóstico

Normalmente non é necesaria ningunha proba diagnóstica, pois o diagnóstico vén dado polo choro característico unido a unha exploración normal do bebé. Na exploración búscanse outras causas que poden provocar dor (un golpe, otite, etc.). Se o neno se encontra moi decaído ou con febre deben descartarse outros problemas como infeccións ou invaxinación intestinal.

Coidados

Non existen remedios universais para os cólicos do lactante. É importante entender que é un trastorno benigno que acaba desaparecendo por si só co tempo (é raro que dure máis alá dos 4 meses de idade) e no que a familia debe armarse de paciencia. O seu pediatra axudaralle a descartar que o choro se deba a outro tipo de problemas ou a algunha enfermidade, pero é difícil que encontre unha solución eficaz e rápida como todos desexarían.

O primeiro, tras comprobar que o bebé está limpo e non ten fame, é tomar o neno nos brazos para reconfortalo, buscando a posición na que se encontre máis tranquilo (boca arriba ou abaixo, horizontal ou vertical, cos brazos ou sobre o seu peito, etc.) intentando transmitirlle tranquilidade. Unha suave masaxe nas costas ou no abdome pode axudar. Se se calma así non teña medo a malcrialo, pois é natural que un lactante pequeno busque o contacto cos seus pais e iso non impedirá que despois se faga máis independente. Algúns encóntranse máis a gusto envolvidos nunha manta e en contacto estreito co seu coidador, mentres que outros prefiren estar máis libres. Ás veces o choro cálmase mexéndoo suavemente, arrandeándoo nunha hamaca ou dando un paseo no seu cochiño ou en automóbil.

Se o bebé fai as tomas con moita avidez é posible que trague moito aire. Para axudarlle a eliminar os gases recorde suxeitalo uns minutos despois da toma en posición vertical para que poida expulsalos eructando. Se toma leite materno, é importante asegurarse de que o bebé baleire ben un peito antes de cambialo ao outro, pois o leite que sae ao baleirar por completo o peito é máis rico en graxa e enerxía, polo que sacia mellor a fame.

Antes de facer modificacións na dieta é conveniente consultar co seu pediatra. Algúns casos poden deberse a unha intolerancia ás proteínas do leite de vaca, en cuxo caso melloran rápidamene retirando os lácteos da dieta da nai (se lle dá o peito) ou utilizando fórmulas lácteas especiais.

O choro frecuente e prolongado dun bebé pode alterar considerablemente a vida familiar, pois o cansazo e a preocupación se van acumulando progresivamente. Por iso é importante ter en conta o necesario descanso de nais e pais, relevándose no seu coidado, buscando apoio dalgún familiar e mesmo dándose algún día de “vacacións” no coidado do bebé.

Aínda que existen diversos medicamentos e produtos de parafarmacia comercializados para os cólicos do lactante, a súa eficacia é máis aparente que real, similar á que se consegue usando un placebo, pois os cólicos tamén se interrompen e acaban desaparecendo por si sós. O mesmo se pode dicir das infusións ou os produtos homeopáticos. Algunhas plantas naturais, como o anís estrelado, poden ser perigosas, pois administradas en exceso provocan intoxicacións graves.

Evolución

Afortunadamente, malia todas as preocupacións que pode xerar, os cólicos do lactante son un trastorno benigno, que desaparece por si só tras os primeiros meses de vida e que non produce secuelas no neno.

Recursos para ampliar información

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*