Un avó especial

Un avó especialEste libro dirixido a cativos e á familia en xeral sobre a doenza do alzhéimer, forma parte dun proxecto da editora Kalandraka e a compañía teatral Migallas.

‘Un avó especial’ xorde como proxecto literario da obra teatral que, con eses mesmo nome, levou ás táboas a compañía Migallas. A iniciativa fora desenvolvida no ano 2005 por este grupo teatral en colaboración co colectivo pontevedrés Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias (AFAPO). O obxectivo era axudar aos cativos a comprender mellor esta doenza.

‘Un avó especial’ foi representada en teatros, centros culturais e auditorios de toda Galicia. O éxito da peza decidiu os seus promotores a convertela en libro. “Para que nenas e nos lembren sempre a historia do avó Manuel e da súa neta Rosiña”.

A obra conta co texto de Carlos Yus e as ilustracións de María Campos para relatar a relación entre un avó e a súa neta dende que esta nace ata que ten doce anos. O avó arrólaa; cóidaa; ensínalle ditos, cancións, xogos… Co paso do tempo sucédense as risas e os enfados entre os dous pero, un día, o avó comeza a ter moitos despistes e, ademais, cámbialle o carácter. Rosiña, coa axuda dos pais, ten que facer fronte a esta nova situación. Unha obra que combina o humor co tratamento serio do tema coa meta de fomentar actitudes optimistas.

Ademais, alén da enfermidade do alzhéimer, o libro afonda na relación dos nenos cos maiores: os avós son presentados como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural. Os ditos, os xogos e as cantigas populares, son un elemento fundamental nesta transmisión.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*