Día Mundial dos docentes

Día Mundial dos DocentesO lema este ano da convocatoria da Unesco: “Os docentes en favor da igualdade entre homes e mulleres”.

Cada ano, a Unesco convoca o Día Mundial dos Docentes na altura deste 5 de outubro. Unha oportunidade para subliñar “a función esencial” do profesorado na prestación de ensino de calidade.

Nesta edición 2011 a Unesco elixiu un lema que recorda a necesidade dunha Educación para Todos posta como meta dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e á vez indica a especial atención a prestarlle ás cuestións de xénero no ámbito da educación, comezando por resolver os problemas de acceso das nenas á escola.

“Se queremos brindar igualdade de oportunidades ás nosas fillas e fillos para que se realicen plenamente e reivindiquen os seus dereitos, debemos concebir políticas e estratexias que atraian á ensinanza a homes e mulleres capaces e os motiven, e que lles permitan tamén crear contornos de aprendizaxe que respeten a igualdade entre homes e mulleres”, apunta a institución na súa declaración oficial para este Día.

Expón a Unesco que se ben as mulleres constitúen a maioría da profesión docente no nivel primario (un 62% a escala mundial), as condicións de servizo e remuneración mesmo se foron deteriorando nos ultimos anos. Ademais, advirte o organismo internacional que o papel das mulleres nesa primeira etapa de ensino debera reflectirse nun maior acceso a postos de dirección no ámbito educativo e de xestión no eido institucional e responsabilidades nos respectivos ministerios ou consellarías. Na mesma liña, considera a Unesco que en moitos lugares debera aumentar a presenza da muller como docente en áreas como as ciencias, matemáticas ou tecnoloxía, ao tempo que máis homes se formasen como educadores en etapas de infantil e primaria.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*