Por unha internet segura: conéctate e respeta

A Fundación Protégeles achega un feixe de material de apoio para o fomento do uso responsable e seguro de internet.

‘Conéctate e respeta’ foi o lema este pasado 5 de febreiro do Día Internacional da Internet Segura, un evento que chegaba nesta ocasión ao seu décimo aniversario. A convocatoria é promovida pola Comisión Europea e organizada pola Rede Europea por unha Internet Segura (INSAFE). A nivel estatal a coordinación correspóndelle á Fundación Protégeles, entidade sen ánimo de lucro con ampla traxectoria no traballo fronte á fenda dixital e en prol do uso responsable da rede de redes.

Liña de denuncia
Un dos máis activos mecanismos de funcionamento da fundación é a Liña de Denuncia contra a Pornografía Infantil, que posteriormente ampliou o seu obxecto de interese para ocuparse tamén de denuncias sobre apoloxía do terrorismo e xenofobia ou apoloxía dos trastornos de conduta alimentaria. Nunha década de funcionamento, esta Liña de Denuncia recibiu máis de 200 mil denuncias ou informacións que, logo de analizar o contido, concluíron en probas de delito que axilizaron o combate destas prácticas por parte das brigadas de investigación tecnolóxica de Policía e Garda Civil.

Fronte ao acoso escolar

Máis recente é a campaña contra o Acoso Escolar, que supuxo a posta en marcha dunha liña de axuda específica para prestarlles apoio e orientación personalizada a cativos e adolescentes que están sufrindo acoso no contorno escolar, á marxe de internet, e a súas familias no caso necesario. Esta campaña conta tamén coa web de apoio Acosoescolar.info. De xeito concreto, a Fundación Protégeles pon a disposición de menores, familias e centros escolares unha Liña de Axuda contra o Ciberacoso: Internetsinacoso.com, cun equipo multidisciplinar: avogados, psicólogos e expertos en seguridade infantil que atenden todas as demandas que chegan. Ademais, manteñen aberta a liña de axuda contra o ‘grooming’ ou conxunto de accións de acoso sexual a menores a través das redes.

Por outro lado, recomendamos tamén consultar o espazo web Ciberfamilias.com, que ofrece aos proxenitores información e formación sobre diferentes temas, tales como sistemas de filtrado en prol dun uso seguro e responsable da rede de redes por parte dos menores.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*