Mocidade de El Salvador achega a súa experiencia en radio comunitaria a institutos galegos

radio_tehuacanNo marco do proxecto educativo “O mundo que queremos” no que participan distintas ONGD e entidades galegas.

Institutos de Melide, Viana do Bolo, Monfero, Ourense e Santiago de Compostela reciben estes días a Yasmin, José Manuel e Iris, dúas mozas e un mozo que fan voluntariado en Radio Tehuacán, en El Salvador. Deste xeito, medio milleiro de rapaces e rapazas de institutos galegos coñecerán a súa historia e labor nesta emisora de radio comunitaria.

Yasmin, José Manuel e Iris son as tres persoas voluntarias da emisora comunitaria que visitan Galicia. Yasmin é a directora da emisora, José Manuel o encargado de programación e Iris unha das voluntarias máis activas. Pero non pilotan sós ese proxecto radiofónico, senón que lles acompaña no traballo voluntario outra ducia de rapaces e rapazas do seu pobo, colaboran todos os días para que a grella da emisora estea chea de contidos. Xuntos fan programas sobre protección medioambiental, sobre equidade de xénero, un informativo local, un programa deportivo e diferentes espazos musicais

“O mundo que queremos”
“O mundo que queremos” é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Educación. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a necesidade de coñecer as problemáticas sociais para poder modificalas.

O fío temático do proxecto son os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que foron presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do Teatro da Oprimidx. Todo o proceso de intercambio entre a  realidade galega e salvadoreña culmina nesta visita dos mozos e mozas de Radio Tehuacán aos centros educativos participantes, e nun encontro final  ao que asistirán todas as persoas e entidades protagonistas desta iniciativa.

“O mundo que queremos” está sendo executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Intervida e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e o grupo de Teatro das oprimidxs 100tolas.

Axenda da visita
•    Luns 31: 
IES Melide. 11h45-14h15
•    Martes 1: 
CPI Virxe da Cela (Monfero) 9h45-11h25
Encontro con Cooperación Galega. 13h30 
IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela) 16h30-18h00
•    Mércores 2:
IES Carlos Casares (Ourense) 11h10-12h50
Charla en Tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Ourense. 19h00
•    Xoves 3
IES Blanco Amor (Ourense) 10h30-14h10
•    Venres 4
Encontro Intercentros na Sala Capitol (Santiago de Compostela) 11h00

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*