Deporte, xogo tradicional, emigración, música… as pezas das escolas no Día Mundial da Radio

o Día Mundial da Radio (DMR) tivo como temática o mundo do deporte e a radioO “radiovisual” prende con forza nos centros educativos e a recente xornada de Ponte… nas Ondas” achéganos interesantes exemplos.

A emisión “radiovisual” conxunta que se realizou desde Pontedeume e Caminha foi o eixe central da xornada impulsada por Ponte…nas Ondas! o pasado mércores 21 de febreiro, en conmemoración do Día Mundial da Radio, e que puidemos seguir en directo a través de Escolas nas Ondas. No caso do IES Pontedeume participou o alumnado da ESO e de Bacharelato e no de Caminha os do Jardim de Infancia, Primaria e Secundária da Escola Básica e Secundária de Vila Praia de Áncora.

Aínda que o Día Mundial da Radio (DMR) tivo como temática o mundo do deporte e a radio, outros contidos específicos foron abordados polo alumnado de ambos centros. Trataron temas tan diversos como a Serraçao da Velha (unha manifestación da cultura popular local) , as herbas aromáticas e medicinais, o deporte, a emigración, a música e mesmo houbo actuacións musicais en directo. Recibíronse chamadas do exterior e pasaron polos estudios deportistas e políticos como o Vereador da cultura da Câmara de Caminha falando da importancia do deporte, do Patrimonio e da educación cos medios de comunicación como aliados.

Centros de toda Galicia e do Norte de Portugal

Máis alén desas cinco horas en directo que uniron as ondas ás dúas beiras do Miño, tanto arredor da xornada deste 21 de febreiro, como da propia do DMR, o 13 de febreiro que coincidiu co entroido, outros centros educativos galegos e portugueses uniron o seu bo facer nas aulas para achegar unha selección de pezas, principalmente radiofónicas e tamén algunhas audiovisuais, para participar na conmemoración. Entre os participantes estiveron escolas de Braga, Valença do Minho, Cotobade, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, Gondomar, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Arteixo, Coristanco, Rianxo, San Sadurniño, Burela, Monforte de Lemos ou Ourense, que enviaron programas desde as súas propias radios como Radio Faladora, Radio Pinguela, Radio Altamira, Radio Abrente, Radio FS, Radio Turonio ou Radio Furoca.

Algúns dos exemplos son o CEIP Sal Lence, que participou cunha homenaxe radiofónica ao persoeiro que lle dá nome ao centro e arredor de cuxa figura están desenvolvendo un proxecto de formación neste curso (polas características do personaxe e polo seu compromiso coa radio é unha figura idónea para o DMR). Outro participante, o IES Terra de Turonio, achegou entrevistas sobre o machismo e a igualdade no deporte. O CPI de San Sadurniño elaborou unha completa serie de programas que inclúen unha entrevista a Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional ou, entre outros, Antón Cortizas, autor de Chirlosmirlos e Tastarabás.

Aquí podedes escoitar algunhas das pezas elaboradas por estes centros

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*