Carta aos nenos e nenas do mundo

dia_internacional_libro_infantil_interiorManifesto no Día Internacional do Libro Infantil, escrito nesta ocasión pola autora irlandesa Siobhán Parkinson.

Os lectores a miúdo pregúntanlle aos escritores como escriben as súas historias: de onde saen as ideas? Proveñen da miña imaxinación, contesta o escritor. Ah, claro, adoita contestar o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha?

Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e pegadas doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras e ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenas triscadelas e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso virando aí dentro e cantando e comportándose como un caleidoscopio e flotando e sentándose e pensando e rañando na cabeza.

Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. No entanto, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros debe conter na súa maioría sabores, do mesmo xeito que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras.

Para os lectores e oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa e dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de súpeto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están rebulindo na imaxinación do lector, e este dálle forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor.

Este é o motivo polo cal o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou milleiros ou ata ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os milleiros de lectores ao redor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir.

Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgún xeito xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional.

É posiblemente o que os humanos fan mellor.

Seguide lendo!

Siobhán Parkinson
Autora, editora, tradutora
e gañadora do Premio na nÓg

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*