“Cando tratamos con normalidade temas como a discapacidade os rapaces e rapazas medran aprendendo a convivir cos demais”

A comunicación está implícita en cada un dos xestos da vida cotiá. Útil dende que se nace para alimentarse, aprender ou traballar, comunicarse co mundo que nos rodea pode volverse vital. E a linguaxe verbal non sempre é a canle máis axeitada. As enquisas do Instituto Nacional de Estatística revelan que preto dun millón de persoas en España padecen algún tipo de xordeira e que cada ano nacen no país preto de 2000 bebés con problemas de audición. Unha realidade que tamén se reflicte nas aulas e para a que os educadores deben de estar preparados.

linguaxe_signosA Asociación Pedagóxica e Cultural Educere organiza en colaboración co Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación do campus de Ourense un curso de inclusión educativa da discapacidade auditiva para completar a formación de actuais e futuros educadores, co que se tratará de “dar a coñecer o mundo das persoas xordas, sensibilizar á sociedade sobre esta discapacidade invisible ou entender as barreiras das persoas xordocegas”.

Por moito que avancen as novas tecnoloxías ou se modernicen as instalacións, se non se acompaña da formación, motivación e capacidade de adaptación dos educadores será imposible abrir novos horizontes na educación do alumnado xordo. “Nas carreiras falta formación sobre a realidade que vas a atopar nas aulas, porque un profesional pode dar cun alumno con discapacidade auditiva no seu grupo e ten que poder comunicarse”, salienta Tania Cid, especialista en pedagoxía terapéutica e encargada de aproximar aos participantes no curso á discapacidade auditiva e á inclusión educativa. Ana Cives, especialista en audición e linguaxe, falará das experiencias e metodoloxías empregadas nestes casos e Andrea López, intérprete profesional, achegará aos inscritos á lingua de signos.

Lingua de signos xa en Educación Infantil

A lingua de signos está considerada como lingua oficial da comunidade xorda en España, sen embargo, a sociedade non está adaptada a este sector. “As noticias e a tele non están interpretadas a maior parte do tempo, as películas no cine non contan con subtítulos, os avisos e alarmas de edificios públicos son sonoros en lugar de luminosos… e así infinidade de aspectos que aínda están por mellorar”, salientan. Oficinas de administracións públicas, empresas, nun posto de traballo… hai moitos lugares aos que se asiste cada día nos que pode xurdir esa posibilidade de incomunicación cunha persoa xorda se non van da man dun intérprete.

Por iso o primeiro paso sería “achegar un sistema de comunicación que nos permita interactuar e crecer entre todos sen ningún tipo de excepción” para “rachar barreiras sociais” e conseguir a verdadeira inclusión das persoas xordas. E hai que empezar canto antes: aínda que dende Educere aplauden a idea de incluír a lingua de signos como materia na ESO ou en Bacharelato, cren que sería “máis efectivo facelo en etapas anteriores”. “Os nenos en Educación Infantil absorben moita información. Aqueles que teñen un compañeiro xordo que por sorte conta cun intérprete no aula aprenden paralelamente todos os conceptos da lingua oral e da de signos sen esforzo, só observando. Resúltalles máis sinxelo asimilalos xa dende un principio”, subliñan. A pega é que, aínda que se produce unha total inclusión dese alumno no aula ao poder comunicarse cos seus compañeiros, “esa situación remata no momento no que os nenos e nenas saen da escola e teñen que relacionarse con outras persoas”.

Favorece a motricidade e a coordinación

Aprender a falar coas mans dende cativos suma vantaxes: potencia a psicomotricidade, a coordinación e a expresión corporal, xestual, visual ou artística; fomenta a creatividade e traballa a capacidade de síntese e comprensión. E o máis importante, fai tomar consciencia aos nenos e nenas de que existen outras formas de comunicarse que non son as orais. “Cando tratamos con normalidade temas como a discapacidade os rapaces e rapazas crecen aprendendo a convivir cos demais, non ven estraño que poida haber nun parque un grupo de persoas falando mediante xestos, non se sorprenden de situacións cotiás que a outros lles fan xirar a cabeza”, recorda Cid.

O curso impartido no campus, que se celebrará do 2 ao 20 de febreiro, está dirixido a titulados e tituladas universitarios no eido da educación, estudantes de graos e posgraos en Educación e a todos aqueles profesionais interesados en indagar sobre as posibilidades da investigación e intervención nestas etapas educativas. Con el, a organización pretende dar unhas nocións básicas na lingua de signos e “facer visible o que para algunhas persoas é invisible, xa que queda moito camiño por andar para a inclusión de persoas con discapacidade”.

Autora: Noemí Rey / Universidade de Vigo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*