Contaminación lumínica, o lado escuro da luz

muncytExposición no MUNCYT da Coruña deica final de ano.

Permanecerá aberta ao público deica o 31 de decembro de 2015. Na mostra expóñense seis relevantes pezas do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

Trátase dunha mostra interactiva -producida polo Museo da Ciencia e a Auga, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, a asociación contra a contaminación lumínica Cel Fosc e a Universidade de Murcia-, que de forma interdisciplinar explica o problema da contaminación lumínica, as súas causas físicas e as súas consecuencias na biodiversidade, o gasto enerxético, a saúde humana e o coñecemento científico e cultural. Ademais, achega posibles solucións e fomenta a participación cidadá.

Na mostra áchanse seis pezas do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

Ollo artificial (1785-1810): Modelo simplificado do ollo humano, empregado para explicar os defectos da visión, concretamente a miopía e a hipermetropía. Con este instrumento pódese comprobar que a unha certa distancia, movendo o tubo, o obxecto proxectado no fondo, que simula a retina, móstrase borroso. Ao antepoñer a lente convexa ou cóncava este defecto pode ser corrixido, aparecendo o obxecto completamente nítido.

Prisma triangular con pé (1860-1875): Os prismas eran utilizados nos gabinetes de física e química para realizar demostracións relacionadas co estudo da composición da luz. Con este fin facíase pasar, nunha habitación escura, un feixe de luz branca a través do prisma, proxectando o resultado -a descomposición da luz branca nas súas diferentes cores, é dicir, o seu espectro- sobre unha pantalla para posterior estudo e análise.

Aparello de Silbermann (1860-1880): Instrumento empregado para estudar as leis da reflexión e a refracción da luz. No primeiro caso, situábase na parte central un espello plano e no segundo unha cubeta cilíndrica na que se vertía auga ou calquera outro líquido transparente. Para o estudo da reflexión, facíase pasar un feixe de luz por un dos orificios, que chegaba así ao espello central, reflectíndose. Movendo a segunda alidada formada por un vidro deslustrado, ata que o feixe reflectido caese no seu centro, podía medirse o ángulo reflectido no anel graduado. O proceso era similar no caso da refracción, só que se facía pasar o feixe pola cubeta, desviándose da súa dirección inicial, e medindo o ángulo refractado da mesma maneira que no proceso anterior.

Globo celeste (1621-1631): Este globo representa os diferentes astros e constelacións coñecidos ata esa data nas súas correspondentes posicións celestes, recollendo os coñecementos máis actualizados da época e de maior rango científico. Entre os numerosos detalles que poden apreciarse no mesmo, destaca un retrato do famoso astrónomo Tycho Brahe, a modo de homenaxe e recoñecemento, incluíndo ademais o repertorio de estrelas catalogadas e estudadas por el. Este globo foi dedicado, ademais, ao Gobernador dos Países Baixos Mauricio de Nassau.

Sistema óptico de tres lentes (1910-1940): Sistema composto por unha lente-obxectivo plano-convexa, unha lente-ocular bicóncava e unha lente de campo que se sitúa entre ambas. Todos os elementos ópticos sitúanse á súa vez nun soporte no que pode observarse a traxectoria dos raios de luz ao pasar por cada un deles, permitindo realizar estudos relacionados coa óptica xeométrica. O conxunto baséase nos elementos ópticos que compoñían o telescopio ideado e utilizado por Galileo nas súas observacións astronómicas.

Espectroscopio de visión directa (1875-1900): Instrumento utilizado para o estudo do espectro luminoso de diferentes materiais. Consta de dous tubos: un principal ou colimador, e outro secundario ou da escala. O primeiro dispón dunha fenda graduable nun dos seus extremos e dun prisma no seu interior con gran potencia dispersora que recibe a luz procedente da mostra previamente excitada mediante calor, electricidade ou luz. Sobre o espectro formado superponse a imaxe do micrómetro do tubo secundario, o cal debe estar iluminado cun pequeno chisqueiro Bunsen. Este tipo de espectroscopios era utilizado sobre todo en estudos metalúrxicos, para a caracterización de metais dependendo do espectro obtido.

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*