O seu máis coñecido invento é considerado un precursor do libro electrónico.
Os que teñan visitado en Santiago de Compostela o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) seguro que xa se teñen admirado da chamada “Enciclopedia Mecánica”, invento argallado pola mestra Ángela Ruíz Robles. O trebello foi feito público en 1949 e recórdanolo este luns a homenaxe en forma de Doodle que Google lle fai á súa autora, aproveitando o 121 aniversario do seu nacemento.
Segundo nos conta a Galipedia sobre a Enciclopedia Mecánica:
A aparencia externa deste precursor do libro electrónico era a dun estoxo. As novidades tecnolóxicas máis salientables eran o sistema de bobinas automáticas polas que ían pasando os textos e imaxes dos recursos educativos e o sistema de botóns a presión. Previsiblemente nunha versión futura tería tamén luz e son. Unha parte estaba destinada as tarefas de cálculo e escritura. A través dun botón a presión conectado a unha serie de abecedarios podían construírse frases, leccións ou temas. O seu carácter enciclopédico viña da área asignada ás materias, impresas nunha serie de láminas transparentes que permitían a ampliación ou redución de tamaño.[4]
O peso total do aparado era de 50 gramos, cumprindo con un dos obxectivos da inventora, que era a redución do volume nas carteiras dos escolares[5]. Así mesmo Ángela consideraba que a súa era a enciclopedia máis económica das coñecidas daquela.
Foi esta convicción nas posibilidades de revolucionar os procesos educativos o que a levou ata o final dos seus días a loitar pola produción no seu invento en España, chegando a descartar ofertas estranxeiras[6]. Porén nunca chegou a atopar investidores para o seu invento.
Algúns materiais sobre Ángela Ruíz Robles:
- Ángela Ruíz Robles na Galipedia
- Vídeo no programa ConCiencia
- Ficha e Bibliografía no Álbume de Mulleres do Consello da Cultura Galega
- Materiais da homenaxe a Ángela Ruíz Robles na Facultade de Informática da Universidade de Granada
- Artigo en Cultura Galega: cando a didáctica se fixo mecánica
- Un documento histórico: o detalle do deseño na Enciclopedia Mecánica na Oficina de Patentes