Lembrade enviar as vosas pezas ao “Quero Cantar”!

Lembrade enviar as vosas pezas ao “Quero Cantar”! Deica o 20 de xuño segue aberto o prazo do único concurso de música infantil e xuvenil en galegoDeica o 20 de xuño segue aberto o prazo do único concurso de música infantil e xuvenil en galego.

O “Quero cantar” chega aos centros de ensino secundario e a vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación, Goretti Sanmartín, xunto co coordinador, Tono Formoso, presentaron recentemente a iniciativa no IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela para animar ao alumnado a participar no único concurso de música infantil e xuvenil en galego.

Até o vindeiro 20 de xuño está aberto o prazo para participar na segunda edición do “Quero cantar”, o concurso de música infantil e xuvenil en galego convocado pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que nesta nova edición medra até alcanzar os centros de ensino secundario. O certame musical presenta na súa segunda edición, polo tanto, dúas modalidades, unha para infantil para nenas e nenos de ate 12 anos e outra para xuvenil para unha idade comprendida entre os 13 e os 16 anos. A vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, animou a rapaces e rapazas a se presentar ao concurso nun acto que tivo lugar no Xelmírez II de Santiago de Compostela.

Goretti Sanmartín explicou no acto de presentación o proceso do concurso que ten como obxectivo promover a creación musical en galego entre a xente máis nova. “Queremos que mozas e mozas cantedes na nosa lingua, nos distintos estilos musicais dos que gustedes, e participedes neste concurso que, non teño dúbida, será unha interesante experiencia para vós”, dixo a responsábel da área de Normalización Lingüística no acto co alumnado do IES Xelmírez II que se desenvolveu na biblioteca do centro e que contou tamén coa actuación musical dun grupo de alumnas e alumnos do instituto. O coordinador do concurso, Tono Formoso, animou a ler as bases e idear a modalidade da presentación, tendo en conta que se pode concorrer cos distintos estilos musicais. “Só se precisa ter unha canción en galego e pode ser en calquera dos estilos”, díxolles a rapazas e rapaces presentes na exposición.

A participación dos centros de ensino será nesta edición aínda maior unha vez que serán tamén os que voten para escoller os grupos finalistas que pasarán á final que terá lugar no último trimestre do ano no Teatro Colón da Coruña. Goretti Sanmartín lembrou que, ademais do premio en metálico para mercar produtos culturais, os dez grupos finalistas gravarán un CD coas súas cancións do que se fará unha edición de 1.000 exemplares e tamén se distribuirá na rede.

Bases completas

Os grupos deben presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén nas web www.dacoruna.gal e www.querocantar.gal, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso. O prazo remata o 20 de xuño e as bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.dicoruna.es/cultura/premios/premio-quero-cantar e tamén na web do concurso: http://querocantar.gal/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*