“Nunca deixes de soñar”: videoclip do grupo gañador na categoría infantil da 6ª edición do Quero Cantar

“Nunca deixes de soñar” é o videoclip de O Ritmo dos Soños, presentado en Caión este sábado 16 de marzo. Está dispoñible no espazo en Youtube do #QueroCantar: https://www.youtube.com/@querocantar8892

Este sábado 16 de marzo fíxose público o resultado do traballo no estudio profesional do grupo gañador na categoría infantil da sexta edición do Concurso “Quero Cantar” organizado por Cultura da Deputación da Coruña. A formación gañadora, O Ritmo dos Soños, coñecémola en abril de 2023 durante a gala celebrada no Teatro Colón da Coruña, e fora premiada coa gravación dun videoclip da canción presentada ao concurso.

A peza, logo da súa presentación pública, está xa dispoñible na canle de Youtube do concurso: https://www.youtube.com/@querocantar8892

O Ritmo dos soños é unha formación que nace dentro do coro do CEIP de Caión co obxectivo de se presentar precisamente ao concurso Quero cantar. A banda está formada por alumnado de segundo, terceiro, quinto e sexto de primaria, máis o profesor de música do centro, Jose Carballido.

Durante a conversa pública no evento de presentación do clip, o coordinador do evento, Tono Formoso, felicitou a banda gañadora e recordou a longa traxectoria deste centro educativo de Caión no concurso, onde acumula varias edicións participando e non é xa a primeira edición na que resulta gañadora unha proposta co alumnado deste centro como protagonista e da man de Jose Carballido, mestre de educación musical da escola.

Familias do alumnado participante e veciñanza da localidade encheu o Auditorio do Centro Sociocultural A Balea para arroupar os gañadores e asistir á actuación en directo dos rapaces e rapazas, que interpretaron dúas pezas, unha tradicional da propia vila e a peza coa que O Ritmo dos Soños gañou o certame na súa pasada edición.

O propio Carballido comentou para a audiencia a súa satisfacción coa implicación das nenas e nenos da escola, gabando o esforzo realizado e o talento demostrado polo seu alumnado. “Foi marabilloso descubrir o concurso Quero Cantar, porque a miña concepción do ensino musical sempre foi a dun ensino práctico: cantamos, tocamos, bailamos. E unha vez que preparas todo iso é xenial poder presentalo nun lugar”, engadiu.

As nenas e nenos integrantes do grupo contaron para o público as motivacións que os levaron a presentárense voluntarios para participar na aventura do Quero Cantar e relataron a súa fascinación sobre todo polo proceso de gravación do videoclip. Un traballo que, malia o esforzo e a intensidade que lles requiriu, permitiulles coñecer un chisco máis do que hai por tras dos escenarios no mundo da música e reafirmar en moitos casos a súa vontade de se seguir no futuro vencellados á música.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*