Videopoemas gañadores da II Edición do Concurso da Casa-Museo Manuel María

“A alta calidade, a diversidade de temáticas presentadas e o feito da súa extensión polos distintos centros educativos do país, mostra da consolidación do concurso”, salientou o xurado.

Xiana Collazo Rial, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co videopoema “Lúa descolorida”, e Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema “Negra sombra”, foron as premiadas da II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.

LÚA DESCOLORIDA

NEGRA SOMBRA

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema “Lúa descolorida” “o seu exquisito uso da linguaxe audiovisual e a coherencia nos versos escollidos que con excelentes metáforas visuais consegue transmitirnos unha historia”, e do videopoema “Negra sombra”, resaltou “as súas estupendas metáforas visuais, unha moi suxerente utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretración do poema”. Así mesmo, os membros do xurado sobrancearon a alta calidade alcanzada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, o que é unha mostra da súa consolidación.

As gañadoras recibiron os premios do xurado e de Pilar Porto, deputada provincial responsábel de Cultura. A Deputación de Lugo colabora con este certame, xuntamente co Concello de Lugo e a Deputación da Coruña.

Nesta segunda edición que se cerrou no día de hoxe, participaron máis de 120 alumnas/os de distintas localidades galegas (Vigo, Becerreá, Lugo, Dodro, Verín, Castro Caldelas, Burela, Rianxo, Quiroga, Fene, Portas, Betanzos, Porriño, Narón e Bueu) e a súa finalidade é potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*