“Un gato cun aquel de toleirán, apaixonado pola poesía, foi, aínda que pareza incrible, quen me axudou a escribir o meu novo libro”, confesa Fran Alonso na súa presentación da chegada ás librarías deste ‘O meu gato é un poeta’.
A través dos enredos dun gato poeta, descubrimos outro xeito de ollar a poesía: como algo lúdico, divertido, desmitificado. Segundo nos contan, trátase dun libriño que combina xogo e obradoiro, utilizando un amplo abano de recursos, desde os xogos de palabras até a poesía visual, pasando pola narración e a interacción.
Inclúe un CD con música de Xurxo Souto e a voz de Fran Alonso recitando algúns dos poemas do libro. Tamén unha web, accesible cun contrasinal, Gatopoeta.net, que se obtén en cada libro, e que ofrece novos materiais vencellados ao libro.