Libros para soñar: libraría especializada en literatura infantil e xuvenil

Libros para soñar: libraría especializada en literatura infantil e xuvenil Inspirada no catálogo do mesmo nome da editorial Kalandraka. Inaugúrase este venres 30 na Coruña.

Un espazo para nenos e nenas e as súas familias, docentes e animadores socioculturais, bibliotecarios e lectores en xeral, tanto infantís como adultos, cunha ampla selección editorial no eido da literatura infantil e xuvenil. Dispón ademais dun lugar de lectura e unha sala para realizar sesións de contacontos, obradoiros infantís de plástica e de escrita creativa, cursos de formación para mediadores e profesionais do ensino, e exposicións de ilustracións orixinais co obxectivo de inculcar a sensibilidade estética necesaria para apreciar o traballo dos artistas plásticos nos libros.

O ilustrador Pablo Otero, ourensán afincado na Coruña, é o autor das obras que poderemos ver nesta primeira mostra: as imaxes do álbum “Contos por teléfono”, un libro de relatos do escritor italiano Gianni Rodari, que vai ser unha das próximas novidades no catálogo de Kalandraka.

Libros para soñar inaugúrase oficialmente este venres 30 de setembro, nun acto no que vai participar o equipo de animación á lectura de Kalandraka, xunto con varios autores e ilustradores. Unha sesión especial de contos e música, aberta ao público, que se vai celebrar a partir das 18 horas. O local está no número 64 da Avenida de Fisterra.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*