‘PequeClassics’, ciclo de música clásica para nenos

pequeclassicsO 22 de xaneiro comeza a segunda edición deste evento pensado para o público infantil.

“O poliño feo”, un teatro de monicreques con música en directo, inaugura o domingo 22 de xaneiro o ‘PequeClassics’ na Cidade da Cultura. O conto popular será o eixe condutor dunha obra de teatro de monicreques e luz negra con música interpretada en directo pola compañía Viravolta. ‘Pequeclassics’, logo de contar co favor do público na súa exitosa primeira edición, contará agora con dúas sesións por cada actuación, ás 12:00 e ás 17:00 horas.

O ciclo trata de achegar a música clásica e a ópera aos máis pequenos a través do xogo e a diversión, tendo en conta que educar o sentido da melodía, do ritmo e ata o sentimento é posible mediante a aproximación dos nenos á música.

Dirixida a nenos de máis de tres anos, as entradas para as dúas sesións desta obra xa poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de algo máis de tres euros.

Pequeclassics continuará o domingo 12 de febreiro con “Ensalada de instrumentos”, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons.

Coñecer de perto a música clásica

En marzo, a cita con Pequeclassics será o domingo 4 con “O son dos metais”, un novo concerto didáctico para maiores de cinco anos a cargo do Grupo de Metais Santa Cecilia de Ferrol, que a través de pezas clásicas de Bach, Mozart ou Rossini darán a coñecer a riqueza sonora dos instrumentos de vento metal. No mes de abril chegará o espectáculo “Paxaro de lume”, unha adaptación da obra de Igor Stravinsky que se representará o domingo 8 nun teatriño inspirado nos espectáculos de marionetas do barroco e coa presenza de músicos en escena a cargo da compañía pontevedresa Viravolta.

Un novo concerto didáctico será o protagonista da sesión de maio. Nesta ocasión, a Fundación de L´Auditori de Barcelona interpretará “Corda e Recorda” o 13 de maio, onde os nenos maiores de tres anos aprenderán a distinguir as diferentes sonoridades de cada instrumento. Asemade, a ópera volverá ter o seu oco nesta segunda edición de Pequeclassics a través da obra “Érase unha vez a ópera”, que terá lugar o 10 de xuño para nenos maiores de seis anos. Ambientada nunha clase a principios do século XIX, a compañía Ópera Divertimento de Bilbao introducirá ao público na historia da ópera e do seu marabilloso mundo a través dunha conversa entre un mestre e unha alumna.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*