Rita Levi-Montalcini, unha vida de esforzo e compromiso

Con 103 anos, acaba de falecer quen foi Premio Nobel de Medicina en 1986.

“O corpo engurra, é inevitable, pero non o cerebro!”

A anterior é seguramente unha das mellores frases coas que lembrar a Rita Levi-Montalcini. A investigadora italiana nacera hai xa case 104 anos, o 22 de abril de 1909, na cidade italiana de Turín. En 1986 foi recoñecida co Premi Nobel de Medicina, recibido canda o tamén investigador Stanley Cohen, polos seus estudos sobre o crecemento das células neurolóxicas.

A científica italiana traballara xunto a Stanley Cohen entre 1954 e 1960 na identificación do “factor de crecemento nervioso” para, despois desa experiencia trasladarse de volta a Roma e fundar un centro de investigación sobre esta área. Un centro que daría lugar ao Instituto de Bioloxía Celular, que ela mesma dirixiu.

A vida de Rita Levi-Montalcini é un longo traxecto cheo de forza e compromiso para superar os diferentes obstáculos que como muller e como filla de xudeus tivo que esquivar ao longo do tempo. Levi-Montalcini doutorárase en Medicina pola Universidade de Turín en 1936 onde tamén traballou até que o comezo da 2ª Guerra Mundial e as conseguintes persecucións ás familias de orixe xudía a obrigaron a fuxir a Bruxelas. Alí permaneceu un ano, aproveitando para colaborar co Instituto Neurolóxico local, pero a chegada do exército alemán en 1940 obrigouna a fuxir outra vez. Intentouno de novo en Italia, onde vivindo clandestinamente na cidade de Florencia foi quen de armar un pequeno laboratorio de neuroembrioloxía e colaborar como médico coas tropas estadounidenses. Reincorporouse á Universidade de Turín finalizada a guerra e alí estivo ata que en 1947 foi convidada para investigar e impartir docencia en Estados Unidos, na Washington University, coa que colaboraría durante anos ata o seu regreso definitivo a Italia en 1977.

Exemplo de esforzo, superación e compromiso
Xa centenaria, exemplo da súa incansable fortaleza é que Rita Levi-Montalcini afirmaba que o seu cerebro “funciona mellor agora que cando tiña vinte anos”. Activa deica o final da súa vida, a científica turinesa mesmo teimou sempre en negarse a recibir unha pensión de xubilación.

A que foi oitava muller en recibir o Premio Nobel e probablemente unha das máis famosas investigadoras despois de Madame Curie, deixa un sólido exemplo de esforzo e compromiso que non debera ser esquecido. A mediados dos anos 90 creou unha fundación dedicada ao apoio da educación das mozas, especialmente das africanas. Unha idea que xorde do seu libro ‘As pioneiras’, adicado ás mulleres que “cambiaron a sociedade e a ciencia a través da historia”. Cando lle preguntaban polos seus méritos, citaba especialmente dous: perseverancia e optimismo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*