O maior arquivo de sons, dispoñible de balde na rede

A maioría son gravacións de paxaros / Imaxe SINC: Theirishkiwi
A maior parte de aves. Ata un total de 150 mil rexistros.

O maior arquivo científico de audios e vídeos de animais do mundo finalizou a dixitalización da súa colección de 150.000 audios e púxoos a disposición do público en internet, de forma gratuíta. Unhas 9.000 especies están representadas na colección de Macaulay Library, na que se fai especial énfase nos sons de paxaros, pero que tamén inclúe audios de baleas, elefantes, ras e primates, entre outros.

Macaulay Library (Ithaca, Nova York), o maior e máis antigo arquivo científico de audios e vídeos de animais do mundo, finalizou así a dixitalización da súa colección de 150.000 rexistros de audios de animais e subiunos a internet para facela accesible a científicos, profesores, e ao público en xeral de xeito gratuíto.

A tarefa de dixitalización e arquivo de sons de máis de 9.000 especies de animais levoulle a esta institución 12 anos. A colección contén máis de 10 terabytes de datos e un total de 7.500 horas de gravación, sinalan os responsables do proxecto.

As especies representadas na colección son na súa gran maioría paxaros, pero tamén se inclúen sons de baleas, elefantes, ras e primates, entre moitos outros.

Rexistros desde 1929

Macaulay Library contou coa colaboración de Cornell Lab of Ornithology. De feito, este laboratorio da Universidade de Cornell (Nova York) foi o principal impulsor do proxecto de dixitalización. Esa institución empezou a gravar e coleccionar sons de aves en 1929.

O primeiro en ser gravado foi o canto dun gorrión e, desde entón, a colección foi medrando ata converterse na máis importante do mundo.

“A nosa colección de audio é a maior e a máis antiga do mundo e agora é tamén a máis accesible”, sinalou Mike Webster, director de Macaulay Library. Segundo Webster, a súa institución está agora traballando para mellorar as funcións de procura e en crear ferramentas que lles permitan aos coleccionistas de sons de animais subir directamente os seus propios rexistros ao arquivo. “O noso obxectivo é facer que Macaulay Library sexa o máis útil posible e ampliar todo o que poidamos a nosa audiencia”, indica.

Fonte: SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*