Non sei que ten seu fillo, pero non me preocupa!

Autor: Juan José Jiménez García

Na consulta de pediatría é moi frecuente atoparnos diante de situacións nas que non temos unha explicación definitiva e concluínte para un síntoma ou para un conxunto de síntomas. Isto pode desconcertar e preocupar os pais, pois ante a incerteza de non saber que é exactamente o que lle pasa a seu fillo e por que, e como vai a evolucionar o caso, é comprensible que xurda neles unha sensación de nerviosismo e intranquilidade.

pediatra_wikimediaO labor do pediatra nestes casos é o de valorar os síntomas referidos polos nenos ou os seus pais, coñecer os antecedentes e posibles factores de risco do neno e realizar unha exploración física detallada. Con estes datos, e fundamentando as conclusións nos seus coñecementos e experiencia profesionais, decidirá se pode facer un diagnóstico de certeza e indicar un tratamento específico, no caso de habelo, ou se o máis conveniente para o neno é a realización de probas complementarias ou consultas a especialistas que clarifiquen o cadro.

Con todo, o máis habitual é que o pediatra non faga nin unha cousa nin outra. É pouco frecuente que o pediatra de atención primaria bote man de probas ou consultas no hospital para confirmar unha sospeita diagnóstica ou procurar un diagnóstico ao que non puido chegar cos medios ao seu alcance na consulta. Á vez, sorprendentemente, informaralles aos pais de que malia non ter a certeza do que ten seu fillo o mellor é esperar e non facer nada, agás o necesario para aliviar os síntomas e o malestar. É por isto que os pediatras poucas veces emitimos un diagnóstico de certeza e adoitamos falar de posibilidades con términos como “o máis probable é que sexa…”, “o cadro é compatible con…”, “posiblemente sexa un virus…”, ou “o normal é que se lle pase só en pouco tempo…”.

E é que, afortunadamente, a maior parte dos problemas de saúde que teñen os nenos da nosa contorna, que seguiron un programa de control sanitario exhaustivo mesmo dende antes de nacer, e que recibiron as vacinacións recomendadas, son banais e resólvense de forma espontánea co tempo.
O pediatra sabe moi ben cando non debe esperar a ver a evolución natural do proceso e que datos e situacións lle fan pensar que o cadro que presenta o neno, aínda sen ter a certeza diagnóstica, pode corresponder a unha enfermidade grave, ou se o non intervir a tempo buscando un diagnóstico correcto ou un tratamento precoz, pode implicar unha evolución desfavorable ou ter consecuencias prexudiciais para o neno.

O pediatra decide sempre o que considera que é mellor para o neno. Se isto pasa por probas e consultas con especialistas farao inmediatamente. Pero a maioría das veces o mellor para o neno é non sometelo a análises e sufrimentos innecesarios, dado que a evolución habitual da maioría destes procesos é que se resolvan sós de forma natural. Ademais, hai que considerar o trastorno que lles supón ás familias entrar no circuíto de análises, probas, consultas, viaxes ao hospital, etc. se non se agarda un claro beneficio para o neno de todo iso. Por non falar do gasto superfluo que isto implica para o sistema sanitario e para as propias familias (ausencias nos traballos, transportes).

Ás veces non é fácil a espera ante un neno que presenta síntomas molestos como febre, dor ou vómitos, e os pais angústianse fronte á sensación de non estar facendo abondo ou diante da posibilidade de que se lles estea pasando desapercibido, a eles ou ao pediatra, algo importante. Ou esta espera faise moi longa fronte a situacións nas que a resolución do problema non vai ocorrer nun espazo curto de tempo, como a adquisición dalgúns aspectos do desenvolvemento psicomotor ou da linguaxe, dor abdominal recorrente, ou un simple acne nun adolescente.

Con todo, a vida diaria consiste en gran parte en esperar. Os ciclos naturais levan o seu tempo e á maioría dos acontecementos non se lles pode meter présa. Doutra banda, nesta vida non temos a seguridade practicamente de nada. Cando saímos da casa non sabemos se ao volver nos atoparemos con que entraron a roubar, cando iniciamos unha viaxe en automóbil non sabemos se chegaremos ao noso destino á hora prevista por un atasco ou unha avaría, nin sequera se chegaremos, cando se vai o noso fillo ao colexio ou a unha excursión non sabemos se nos chamarán porque tivo un accidente.

Temos que aprender a vivir coa incerteza concreta do día a día, alén de coa existencial máis profunda. A crianza dos fillos é, como o vivir, correr un risco continuo, pero á vez é apaixonante e marabilloso. Ninguén nos pode asegurar nada, nin a saúde, nin o benestar nin a felicidade.

Pero non por iso debemos deixar de facer todo o posible por acadar estas metas, de poñer todo o noso empeño para non deixar ao azar o que se pode controlar, sabendo que non todo é controlable. Aprendendo a vivir de xeito alegre e confiado o reto de convivir coa incerteza de non poder ter todo controlado, de non saber como se vai resolver a enfermidade dun fillo ou calquera outro tema.
Así poderemos gozar de ver medrar a nosos fillos sen a angustia de non saber de certo que vai pasar con ese problema de saúde do noso fillo, ou coa súa vida no futuro.

Así que non hai que alarmarse, máis ben todo o contrario, cando lle oia a seu pediatra dicir:

“Non sé que ten o seu fillo, pero non me preocupa”

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria
http://www.aepap.org/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*