O colectivo ‘Erguer’ convocou unha folga para o 16 de novembro

A organización estudantil ‘Erguer. Estudantes da Galiza’ convocou unha folga en todos os niveis educativos para o día 16 de novembro.

A Responsábel de Organización de Erguer, Iria Figueroa, expuxo que a folga se convocaba baixo o lema “Nin LOMCE, nin pacto entre elites: Lei Galega de Educación”, e que tiña por obxectivo reivindicar unha alternativa real á LOMCE, ao Plan Boloña e ao Decreto do 3+2, elaborada en clave de país.

“As forzas políticas españolas están a negociar de forma secreta un pacto de educación que pretenderán vendernos como un consenso, pero que está a ser elaborado, de novo, de costas á comunidade educativa galega. Desde Erguer consideramos que é fundamental que as estudantes teñamos voz na elaboración do noso modelo de ensino, e por iso realizamos durante todo o mes de setembro asembleas abertas en centros de ensino medio e facultades, de cara a recollermos propostas para a elaboración desa Lei Galega de Educación”, expoñen nun comunicado.

A asociación está organizando, de xeito simbólico, un referendo en preto de 80 centros de múltiples comarcas do país, baixo a pregunta ‘Cres que a alternativa á LOMCE e ao Plan Boloña é unha Lei Galega de Educación?’ Segundo recollen, nas asembleas estudantís realizadas ata o de agora, as reclamacións máis citadas polo estudantado son un maior número de horas lectivas en galego, especialmente na universidade e unha forma de aprendizaxe máis práctica e pedagóxica no ensino medio.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*