A filosofía colle azos despois do éxito da campaña para o regreso ás aulas.
Hai poucos días que vos contabamos do acordo unánime por parte dos grupos parlamentarios galegos para a defensa da Filosofía como material troncal en Secundaria e Bacharelato. E ao fío dese acordo, e mentre agardamos que o asinado nos papeis se converta en realidade, nace un proxecto para facer presión, unir forzas nesa arela e promover que a materia de Filosofía se artelle no currículo como área de coñecemento imprescindible: a Rede Galega de Filosofía.
Os obxectivos da Rede Galega de Filosofía son:
Recuperar o contacto entre todos os Inspectores/as, profesorado, estudantado, licenciados/as ou simplemente interesados e interesadas na materia de Filosofía de Galicia
- Recollida e comunicación de propostas, novidades ou actividades
- Crear grupos de traballo
- Formar un estado de opinión común respecto ao que deberá ser a materia de Filosofía nos vindeiros escenarios educativos
- Crear un tecido sólido entre as diferentes asociacións existentes xa na nosa comunidade para compartir experiencias, poñer a disposición recursos
- Manter unha relación permanente coa Facultade de Filosofía como marco institucional e “casa común” de todos os e as docentes de Filosofía
- En definitiva; urdir unha trama de activismo do pensamento na nosa comunidade
Forman parte xa da Rede a Asociación Nexos de Didáctica da Filosofía, Universidade Cromática das Virtudes, Grupo Doxa, Olimpíada Filosófica de Galicia, Aula de Filosofía Ferrolterra, Filosofía para nenos e nenas de Galicia, #FilosofíaSi, Facultade de Filosofía da USC e Revista Lume.