Educación en tempos de virus

“Dende a humildade diante dunha situación descoñecida e non prevista, Nova Escola Galega quere proporcionar unhas reflexións e algunhas propostas para achegar calma, sentidiño e na procura de evitar agravar situacións complicadas a través deste novo NEG Opina titulado Educación en tempos de virus. Deberemos tirar conclusións, certezas e aprendizaxes novas. E a Consellería de Educación da Xunta de Galicia terá que dar indicacións precisas sobre múltiples aspectos, logo da súa discusión operativa, en particular coas representacións do profesorado e das familias, con validez xeral para a educación pública e a privada. Non temos, nin podemos ter, unha idea definitiva e clara de cal é a situación nas casas do alumnado e do traballo formativo que se está a facer desde os centros ou por parte das e dos docentes. Pero si cremos poder achegar algunhas aproximacións froito da escoita e apreciación de numerosas fontes de información e de opinión”.

AQUÍ O DOCUMENTO COMPLETO REMITIDO POR NOVA ESCOLA GALEGA:

ESTAMOS CONFUSOS/AS… e precisamos reflexionar

Dende a humildade diante dunha situación descoñecida e non prevista, Nova Escola Galega quere proporcionar unhas reflexións e algunhas propostas para achegar calma, sentidiño e na procura de evitar agravar situacións complicadas. Deberemos tirar conclusións, certezas e aprendizaxes novas. E a Consellería de Educación da Xunta de Galicia terá que dar indicacións precisas sobre múltiples aspectos, logo da súa discusión operativa, en particular coas representacións do profesorado e das familias, con validez xeral para a educación pública e a privada.
Non temos, nin podemos ter, unha idea definitiva e clara de cal é a situación nas casas do alumnado e do traballo formativo que se está a facer desde os centros ou por parte das e dos docentes. Pero si cremos poder achegar algunhas aproximacións froito da escoita e apreciación de numerosas fontes de información e de opinión. En todo caso, tempo haberá para avaliarmos e valorarmos o valioso traballo que fan/facemos milleiros de docentes, familias e o propio alumnado estes días e que comparten nas redes sociais e plataformas dixitais.

O COIDADO

Como educadores/as, o coidado familiar e das crianzas e adolescentes é, probablemente, o empeño máis serio que debemos realizar nestes días para contribuírmos ao seu benestar e equilibrio emocional. Na medida das nosas posibilidades, e sempre partindo do respecto e da escoita á diversidade de necesidades, o profesorado debemos procurar a comunicación e o diálogo coas familias e co alumnado, tendo en conta que serán, en moitos casos, as nais as que asuman a maior parte dos coidados, reproducíndose probablemente no fogar unha situación de desigualdade manifesta no reparto de tarefas por razóns de xénero.

Debemos coidar, dialogar coa nai, co pai, coas avoas e os avós… dado o caso, para coñecermos a situación vital familiar, para escoitarmos as emocións, para atemperarmos posibles conflitos, para mostrarmos empatía… e podermos aconsellar, se for preciso, acerca das boas rutinas con sentido e ritmos de vida a seguir día a día, con respecto á comunicación dixital e telefónica que as nenas e os nenos poden manter entre si e con outros, ou sobre a máis esixente atención ás necesidades educativas e de desenvolvemento específicas -unha das dimensións que agora se perciben con maiores eivas de atención adecuada-, tendo diante o principio da inclusión e a loita contra a exclusión social.

Dado o caso, poderemos falar coas familias da necesidade de que dispoñan de tempos para dialogar cos cativos e cativas, para clarificar o que está a suceder como algo inesperado e novo en todas as vidas, animándoas a que practiquen a responsabilidade compartida nas tomas de decisións nas casas.

CONFINAMENTO PARA TODA A INFANCIA

Na mesma liña do coidado das persoas está moi estendida a solicitude de que se arbitre algún tipo de flexibilidade ao confinamento para a infancia, chamando moito a atención o feito de terse regulado especificamente para as mascotas e non para os nenos e nenas. Para mitigar os efectos do confinamento na infancia, outros países permiten algunha saída respectando distancias e outras medidas de seguridade. Isto fano establecendo un marco xeral no Estado e podendo ser adaptado polos concellos segundo características, equipamentos etc.
Propoñemos, xa que logo, que se dispoña algunha medida de flexibilidade no confinamento da infancia.

TELETRABALLO PARA O ALUMNADO

Non existen liñas de actuación propostas pola Administración (e varios equipos coordinados desde a Administración deberan estar traballando sobre todo isto, levando a cabo un feed-back semanal)1, deixándoo a criterio de cada centro, estes ao criterio dos Equipos e Departamentos e estes, por fin e en xeral, a criterio de cada profesora ou profesor2. A consecuencia é que atopamos situacións do máis variadas; dende non faceren propostas de traballo ata faceren tantas en cantidade, diversidade e dificultade que xeran ansiedade no alumnado e nas familias.

Neste punto pensamos que é necesaria unha reflexión en primeiro lugar sobre a alteración vital, social e académica que en conxunto estamos a sufrir, ante o que precisamos ‘respirar’ e reencontrar a calma; e, se é conveniente, atemperar ritmos. É necesaria igualmente unha reflexión sobre a fenda dixital, que supón unha enorme desigualdade entre o alumnado que ten acceso e manexa -el ou a súa familia dependendo da idade- as tecnoloxías da información e da comunicación, cos seus varios recursos, e aquelas que non teñen ou non as manexan. A propia Consellería de Educación acaba de recoñecer que só o 50%!! do alumnado de secundaria está conectado ás aulas dixitais. É necesario un esforzo por dotar de conexións e equipamentos as realidades familiares onde sexa preciso, pois o peche poida que vaia para longo e supón un investimento dirixido á equidade; se a Xunta xa pensa en facelo saúdamos a iniciativa.

Pero máis necesario é ter en conta a fenda social: a diversidade en canto ao tamaño e calidade das vivendas, tipo e tamaño da familia, posibilidade de axuda e acompañamento no académico, clima emocional previo e/ou actual na familia… como posibles condicionamentos limitativos que repercutirán no rendemento académico, pero tamén no benestar e mesmo na saúde física e emocional.

PROPOÑEMOS

Deixar claro que as indicacións e documentos enviados polo profesorado son propostas e non “deberes”. O primeiro que temos que coidar é das persoas. Polo tanto deben saber con toda claridade que se envían para axudar e non para crear ansiedade, nin pola cantidade nin pola dificultade. Ademais, cómpre clarificar a oferta de acompañamento por parte do profesorado, aclarando a vía e o horario de comunicación. A ser posible, as propostas deben ser imaxinativas, con retos, coa posibilidade de facer pequenos equipos que conecten entre eles e fagan un produto final etc. E non se poden esquecer nunca unha atención personalizada, adaptada ás necesidades, intereses, ritmos e formas singulares de aprendizaxe do conxunto do alumnado, directamente ou en contacto previo co profesorado de apoio. E sempre, desde a máxima coordinación didáctica entre o profesorado implicado no seu proceso de aprendizaxe, atento a cada persoa e ao conxunto do grupo de aprendizaxe.

NOTAS NA SEGUNDA AVALIACIÓN, PARA QUE?

Os centros escolares estaban próximos ao tempo de iniciar ou de avanzar na segunda avaliación, que quedou interrompida, e xorden moitos interrogantes de peso sobre a finalización deste proceso: nesta situación de confinamento e de dificultades para a convivencia, que efecto van ter no alumnado uns malos resultados do inconcluso 2º trimestre? Que beneficios terá rematar ‘este proceso’: dar aparencia dunha normalidade que todos sabemos inexistente? Que tipo de avaliación se fai sen decisións colexiadas con garantía? (Estanse facendo avaliacións por videoconferencia, que non garanten hoxe por hoxe unha discusión ordenada e eficaz) Que tipo de medidas correctoras se poden poñer en marcha? Para que ou a quen servirá? Sendo esta segunda avaliación simplemente informativa, que importancia tería suprimila?

Como non se pode facer unha avaliación cos obxectivos e nas condicións que debe ter, propoñemos que se suprima na educación primaria e no primeiro ciclo da ESO, sen que isto signifique un abandono da programación académica, que dalgún xeito terá que valorarse cando a actividade escolar se reinicie.

E DESPOIS…?

O final de curso está no aire. Non sabemos como será, pois descoñecemos a evolución do confinamento, pero intuímos que vai para longo. Seguramente non recuperaremos a presenza normalizada ata xuño. Parece que para as ABAU xa está deseñado o escenario: adiar os exames de xuño e trasladar a setembro os de xullo. Pero para o resto das etapas? Se temos en conta que o currículo neste curso debe ter unha importancia menor, e que dende o 13 de marzo o traballo se desenvolveu en condicións de profunda desigualdade, por circunstancias diversas e en moitos casos adversas, deberiamos analizar ou debater as seguintes medidas:

A forma de ‘recuperar’ estes meses. Coidando de non prolongar a incomodidade do alumnado -non vaia suceder que se pasase mal no confinamento e se siga pasando mal ao privar do período vacacional habitual cando tanto se necesita- e sempre de xeito voluntario. Habilitar, caso de ser oportuno, un tempo lectivo extraordinario sobre o calendario oficial, compensatorio dos desfases académicos do alumnado, sobre todo para traballar sobre o currículo xa abordado.

Decidir neste curso escolar que se dea a avaliación positiva a todo o alumnado para evitar incrementar a situación de desigualdade que se produciría de non ser así; e facilitar tamén a incorporación do alumnado dos cursos anteriores. Vinculándoa con plans específicos de reforzo educativo durante o próximo curso académico para estudantes que obtiveron malos resultados de aprendizaxe nas dúas primeiras avaliacións.

No caso dos cursos que implican titulación (4º da ESO, 2º de Bacharelato, e 2º dos Ciclos Medio e Superior) facer os exames tendo en conta o currículo ata o 13 de marzo, de xeito similar a como se contemplará nas ABAU.

Ter en consideración o que agora mesmo está a acontecer, para iniciar o próximo curso en cada caso coas readaptacións precisas e oportunas desde o punto de vista da continuidade e da coherencia curricular, alterando no preciso o que agora mesmo son as previsións ordinarias.

PARA REINICIAR A ACTIVIDADE DOCENTE

A entrada nas clases debe ser un reinicio de acollemento e de convivencia, para falar, para expresar emocións, interrogantes. Non serán as programacións curriculares ordinarias as que deban ocupar a atención do profesorado, o alumnado e as familias, senón a experiencia vivida co confinamento, combinando a estrutura de grupos de aula en parte de cada unha das xornadas con outras posibilidades, para sentir ‘a comunidade escolar’ e podendo incorporar mesmo a isto unha parte do tecido familiar de cada centro.

PREPARARSE PARA O FUTURO PRÓXIMO

Defendemos a centralidade da acción docente e dos procesos presenciais de ensino-aprendizaxe, que son tamén procesos de comunicación, de convivencia, de resolución de conflitos e de educación moral. O valor da aula e do centro como comunidade en interrelación coa súa contorna non é capaz de suplilo a educación na casa e coa mellor contribución dos recursos dixitais posibles polas tecnoloxías da información. Agora seremos máis conscientes do valor dunha educación pública, aberta, territorio compartido por todas as infancias e adolescencias en formación como espazos de vida e de aprendizaxe.

Mais, dous grandes interrogantes, cando menos, suscitan a actual experiencia colectiva; interrogantes para os que a Consellería de Educación debe abrir, inmediatamente de pasado o suceso actual, espazos de estudo, de debate e de conclusións con auténtica e non ‘burocrática’ participación (profesorado, centros, axentes sociais), alén do Consello Escolar de Galicia, hoxe fosilizado, aínda que concluíndo nel:

Examinar analiticamente o que se está a facer como ensino a distancia: nos diversos ciclos e realidades, nas diversas áreas e materias… para encontrar os maiores problemas, as maiores dificultades, as vías improdutivas, os camiños e vías abertos, novos e vindeiros, para seleccionar as mellores aprendizaxes e as mellores estratexias a seguir, en particular en circunstancias similares, que parece que se poderán dar de novo no outono velis nolis.

De seguida, entre xullo e setembro, ‘construír’ prospectivamente o que facer cando menos durante o próximo curso académico, tendo en conta:
A alteración curricular que neste momento vivimos.

A nova situación vírica que podería vivirse no próximo outono, que tería consecuencias sobre o conxunto do próximo curso.

Saudiña e que cante o merlo, que agora non o importunamos.

Abril de 2020 •

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*