Materiais Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023

Resultado da convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) co fin de divulgar a figura e o legado de Francisco Fernández del Riego.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Desde a fiestra de don Paco, elaborada polo CEIP Juan Rey de Lourenzá (Lugo): un harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a cooperación de todo o alumnado na elaboración, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR, podcasts, linguaxe Braille, pictogramas etc.), na procura de difundir a vida e a obra da Del Riego entre a rapazada.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio foi para Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego, do IES Castelao de Vigo (Pontevedra), que salientan pola beleza estética e a sorprendente orixinalidade, ao nos amosar a vida e a obra de Fernández del Riego como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do seu libro Galicia; un vieiro que atravesa todos os carteis dedicados ás diferentes facetas da súa vida e obra e no que se mostran as distintas recreacións desta realizadas polo alumnado.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores de libros e outros materiais. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén diversos materiais que vos poden ser de utilidade.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*