O congreso “Ponte entre escola e sociedade” celebra a memoria en imaxes reunida por escolas galegas e portuguesas en prol do patrimonio

• Aulas dos concellos de Ourense, Curtis, Teo, Tui, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas, Ames, Barbadás, Vigo, Noia, Ponteceso, Salvaterra de Miño e Bergondo, en Galicia, ou de Paredes e Guimarães, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminou co outorgamento dos premios este 17 de novembro, logo da celebración na véspera do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
• A importancia de estreitar relación entre patrimonio e educación abriu o debate no congreso internacional “Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade” que Ourense acolle esta semana.
• A relevancia do modelo PNO! debateuse tamén no marco deste evento, onde se anunciou ademais que a Xunta abre o prazo para que os centros incorporen ás súas aulas o modelo de educación patrimonial Ponte… nas Ondas! recoñecido pola Unesco

Traballadores nun forno de fundición nos anos trinta, un gaiteiro na guerra, polbeiras do Carballiño mazando polbos no ano 1940, a foto de dous irmáns no ano 1939 ao decatárense de que loitaban en bandos distintos sen sabelo…

Velaí algunhas das magníficas estampas e as grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VI Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!

O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Está previsto que os premios poidan entregarse ao alumnado gañador coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, o próximo 16 de novembro de 2023.

Acceso ás imaxes premiadas: http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras

A importancia de estreitar relación entre patrimonio e educación

“Non podemos agardar a que a administración nos solucione a papeleta. Hai que ver como podemos intervir no territorio as persoas e os colectivos: e Ponte…nas Ondas! é un bo exemplo diso”. Así o analizou Aniceto Delgado (IPHA Instituto Patrimonio Histórico Andalucía España), no relatorio “Fórum sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) na educación” que abriu este xoves 16 de novembro en Ourense o congreso internacional “Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación. Ponte entre escola e sociedade”.

Presentado por Xerardo Pereiro (UTAD), o experto andaluz Aniceto Delgado quixo comezar a súa intervención falando “desde a experiencia” e enfiou o relato desde a presentación ao auditorio dunha fotografía que animou o público ao aplauso: a súa avoa de 99 anos no centro de seus dous fillos pequenos. Desde esa estampa, lembrou a súa propia infancia como exemplo de como sen información regrada todos dun xeito ou doutro nos iamos empapando no patrimonio: “tiñamos unha horta, acendíamos unha candela, escoitabamos as historias: a miña vinculación co patrimonio sae de aí”.

Deseguido, o experto do IPHA repasou diversos conceptos chave no contexto deste congreso: “transformacións” e “abandono” de tradicións e prácticas e en que medida e que papel debemos ter nós, o “esquecemento”, a “recuperación”, a “mirada” (onde poñer o foco), e a evolución desde as concepcións do folclore ata a actual conceptualización e posta en valor do PCI. Reparou tamén no concepto de “salvagarda”, como medidas encamiñadas a permitir a continuidade dos elementos patrimoniais e todas as claves deste proceso (identificación, documentación, investigación, protección, valorización, transmisión, revitalización etc).

E baixo a pregunta “Quen constrúe as pontes?”, o profesor Delgado reparou na necesidade de que os especialistas en patrimonio e os especialistas en educación constrúan pontes, e lamentou que ata o de agora os encontros deste tipo non foran máis habituais. Nese sentido, destacou o potencial da antropoloxía como posible mediador neste proceso de encontro entre patrimonio e educación.

PCI e espírito crítico

Na mañá do xoves interviu tamén a profesora Glória Solé (Universidade do Minho), quen debullou un relatorio sobre o PCI como recurso para o desenvolvemento da conciencia histórica e a preservación da memoria e identidade, no marco dun estudo con alumnado do ensino básico. A profesora Solé explicou esta interesante investigación, realizada con rapazas e rapaces de Guimaraes, indicando a xeito de conclusión como puideron demostrar que traballar co PCI fomenta unha maior consciencia histórica e patrimonial. Salientou tamén que o PCI contribúe para o desenvolvemento do pensamento histórico do alumnado, así como do espírito crítico.

Seguidamente, Luis Costa Vázquez (Universidade de Vigo), afondou no exemplo do uso da música tradicional nas aulas como exemplo de que o patrimonio non é unha caixa pechada, senón unha construción continua, “unha caixa aberta na que entran e saen cousas, nun mundo onde ese proceso entrada/saída está moi acelerado”. Segundo o profesor Costa Vázquez, o exemplo da música tradicional nas aulas serve para reflexionar sobre a importancia de “reconverter ao presente” os conceptos do patrimonio cultural inmaterial: “O máis interesante é aprender dos procesos de transmisión e construción”. Sinalou Costa que o sistema de aulas está moi rixidamente organizado, e chamou a “flexibilizar” os contextos de ensino, aproveitando para deseñar experiencias que busquen espazos de encontro entre a a investigación dos musicólogos e as aulas.

Por outro lado, Luís Costa tamén aproveitou o foro da Facultade de Educación onde transcorría o congreso para chamar a darlle máis relevancia á música tradicional e as músicas do mundo nos currículos da formación dos futuros docentes. “A evidencia do gran descoñecemento da música do país, indica que temos un problema non só de diglosia lingüística, senón tamén de diglosia cultural”. Na súa opinión, é necesario resolver isto: “senón estamos condenados a esquecer quen somos e de onde vimos”. Finalizou, ao fío de preguntas dos asistentes, subliñando a importancia do canto coral nas aulas e na sociedade en xeral: “cantar xuntos é unha experiencia sen parangón desde múltiples puntos de vista, valiosísima”, insistiu, “o que pode matar o patrimonio é a falta de práctica da xente, que a xente non cante”, advertiu, chamando a darlle á música e o canto un papel relevante no contexto educativo.

Xa pola tarde e tamén durante a primeira xornada do congreso internacional, abriu as intervencións Ana Ruíz (Entidade do patrimonio vivo. UNESCO), quen explicou o nacemento deste equipo no seo da institución internacional hai xa seis anos e co obxectivo de chamar á colaboración e a crear lazos entre os ámbitos do PCI e a educación, abrindo así novos enfoques para tratar o patrimonio vivo. Despois da intervención da experta da UNESCO, o público do congreso puido escoitar precisamente a presentación e reflexión sobre catro exemplos de boas prácticas co PCI inscritas na UNESCO na península ibérica: a experiencia do Museo de Puçol en Elxe (Alacant), a experiencia de revitalización do saber tradicional da Cal de Morón (Sevilla), a metodoloxía de inventario do PCI do Montseny (Catalunya) e o propio modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas. Esta primeira xornada do congreso rematou coa conferencia do prestixioso experto Agustín Escolano Benito (CEINCE, Centro Internacional de Cultura Escolar de Berlanga de Duero).

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*