Biliotecas Vivas, proxecto no Verbum

Bibliotecas Vivas - Verbum, Casa das PalabrasEntre os días 15 e 18 do mes de febreiro oito sesións na Casa das Palabras-Verbum con mozos/as dos primeiros anos de Secundaria.

Desde o colectivo Ponte nas Ondas cóntannos da iniciativa que estes días leva Xandobela ao Verbum. O recinto vigués acolle este proxecto que quere pór en contacto á mocidade coa terceira idade (tesouros vivos) para achegarlle coñecementos e experiencias vencelladas co noso patrimonio inmaterial dun xeito eminentemente directo, vivencial e participativo.

Unha Biblioteca Vivente é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos usuarios/as. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores.

Deste xeito, un total de once libros vivos, auténticos depositarios do saber popular e con fondas experiencias vitais, van estar dispoñibles nas distintas estanterías da Biblioteca Vivente no Verbum durante esas catro xornadas, para que os alumnos/as de Secundaria de Vigo (os lectores/as) os consulten e os lean dun xeito enteiramente interactivo. Cada sesión terá unha duración aproximada de unha hora e corenta minutos, nos que cada rapaz/a consultará tres libros en períodos de vintecinco minutos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*