“Illas de reciclaxe” na escola

Illas de reciclaxeProxecto piloto de recollida selectiva de lixo en dez centros educativos.

A iniciativa destas “Illas de reciclaxe” é da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), que responde así ás demandas realizadas por varios colexios interesados en materializar a separación dos residuos para facilitar o seu posterior reciclado. Un xeito de colaborar co aforro de enerxía e materias primas a nivel local e á vez concienciar en prol do medio ambiente.

As illas de reciclaxe son pequenas infraestruturas que se colocarán nos recintos escolares a fin de que a comunidade educativa no seu conxunto poida participar activamente na selección de residuos en orixe, procedendo ao correcto depósito dos mesmos nos distintos recipientes habilitados para tal fin. Contarán cun colector amarelo para os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks), outro azul para o papel e cartón, e outro máis, de cor verde, para o lixo non reciclable. Non se contemplou a recollida específica de vidro por non xerarse no medio escolar suficiente material desta tipoloxía.

Trátase ademais de colectores ecolóxicos e fabricados na súa integridade a partir de caña de azucre, o que permitirá garantir a diminución, nun 85 por cento, da pegada de carbono que traería consigo a súa fabricación tradicional con plástico duro (polietileno de alta densidade), tendo en conta que é un derivado do petróleo.

Dez centros participan na experiencia
Os centros seleccionados para participar nesta experiencia piloto foron, na provincia da Coruña, os CEIP Emilio Navasqüés de Outes, Areouta de Fisterra, San Xoán de Filgueira e Cristo Rei de Ferrol, así como a EFAG Fonteboa de Coristanco; na de Lugo, o CPR Cervantes de Lugo e o CEIP O Salvador da Pastoriza; na de Pontevedra, o CEIP de Oca, na Estrada, e o de Meaño-As Covas, en Meaño; e na provincia de Ourense, o CPR Vila do Arenteiro d’O Carballiño.

Destes, un total de catro, isto é, San Xoán de Filgueira de Ferrol, O Salvador da Pastoriza, Oca na Estrada e EFAG Fonteboa de Coristanco, disporán a maiores dun composteiro, fabricado con polietileno reciclado e reciclable, que lles permitirá elaborar, a partir de restos de alimentos procedentes dos comedores escolares, un abono natural de alta calidade para ser utilizado como fertilizante nos seus propios xardíns e hortas.

Implicación e formación
O éxito do proxecto vai depender en gran medida da implicación da comunidade educativa dos centros seleccionados (profesores, alumnos e resto de persoal).

Para lanzar a experiencia, Sogama impartirá un curso entre os coordinadores dos dez centros no que se incluirá unha visita ao complexo medioambiental de Cerceda a fin de que estes poidan coñecer os pormenores do mesmo e a importancia que ten a colaboración cidadá para que o lixo sexa xestionado e tratado en condicións axeitadas. A partir de aí, e apoiados por diversos recursos didácticos (guías, vídeos, xogos, folletos, etc), serán os propios coordinadores quen se encargarán de transmitir os coñecementos aos compañeiros.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*