En marcha a ‘Feira das Ciencias’ de Google

Gañadoras en 2011 da Feira das Ciencias de Google, cos seus 'Lego-trofeos'
Segunda edición deste concurso, dirixido á mocidade de entre 13 e 18 anos, que busca estimular a curiosidade e investigación científica.

Fixeches hoxe algunha pregunta? Descubriches algo novo?

Así presentan unha nova edición da súa Feira das Ciencias de Google, un concurso de ciencias online que busca mentes inquietas en todo o planeta. E ollo: “Os xenios non sempre son os mellores estudiantes: aceptamos a todos os inconformistas, inadaptados e curiosos”, advirten os organizadores.

“Todo o mundo ten unha pregunta, cal é a túa?”. É así como desafían a rapazas e rapaces de entre 13 e 18 anos a facérense unha pregunta e a continuación tratar de respondela desde a investigación científica. “Podería ser un novo enfoque da física de partículas” ou podería ser “unha forma rendible de levar auga potable a unha comunidade remota”… pero tamén podería ser un proxecto sobre as redución das propiedades canceríxenas do polo á grella, xustamente un dos proxectos que gañou o ano pasado. Na web poden consultarse exemplos de iniciativas recibidas na edición de 2011 da Feira das Ciencias de Google.

“O importante é que sexa inspirador”, subliñan desde Google. O prazo está aberto deica o 30 de marzo

Os premios son ben gorentosos, por exemplo: participar nunha viaxe científica ás Illas Galápagos no National Geographic Explorer ou bolsas de traballo en centros científicos diversos en todo o mundo, como o CERN, en Suíza.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*