Lareira de contos, tesouros vivos, o nome das cousas…

Ponte nas Ondas - Lareira de contos, tesouros vivos, o nome das cousas... Non puideches asistir en directo á xornada de Ponte nas Ondas? Os contidos de “Ponte a contar” seguen en liña!

A xornada de comunicación interescolar de Ponte nas Ondas foi emitida o pasado 1 de xuño a través da web da asociación. Mais, se non puidestes seguila daquela, lembrámosvos que os contidos desta XVIII edición seguen dispoñibles en rede. Unha oportunidade para contemplar á carta a programación preparada desde os centros educativos ao longo do presente curso para ser compartida e intercambiada a través desta xa consolidada xornada.

Ponte nas OndasCo acento galego do narrador Celso Sanmartín e o sutaque da narradora brasileira Clara Haddad arrancou a presentación da xornada, destacando desde o comezo a importancia que ten a narración oral e o conto popular. A seguir comezou a produción dos centros educativos. Desde Braga, o externato Paulo VI fixo exhibición técnica audiovisual ao mostrar a técnica do croma no seu vídeo. O IES Alexandre Bóveda de Vigo aportou unha narración audiovisual de poemas con acompañamento musical. Carlos Blanco abriu a quenda dos narradores orais explicando a súa vinculación con Ponte…nas ondas! lembrando a súa colaboración nas presentacións da Candidatura da Tradición Oral Galego-Portuguesa á UNESCO por Europa. A seguir viñeron outros narradores e narradoras de todo o mundo.

A lareira de contos foi o suxerente título do programa realizado polo colexio Sequelo de Marin. A escola é tamén o lugar onde se poden contar contos, como así o fai o colexio Infante Felipe de Salvaterra. As lendas tamén son contadas moitas veces como contos ou narracións fantásticas como así o fan os alumnos da Escola Diogo Bernardes de Ponte da Barca ou os da escola de Briteiros de Guimarães. A escola profesional de Melgaço lembra a figura dos “tesouros vivos”, depositários da memória dos contos.

O IES A Sangriña de A Guarda e a escola Secundária de Caminha, con máis de 10 anos realizando programa conxunto achegan os contos das dúas beiras do Miño. E así seguen os programas tamén chegados da outra beira do Atlântico como a escola de Villa Clara de Cuba, o colégio Gimnasio Del Norte de Bogotá ou o Colégio Pedro II de Rio de Janeiro, con quen Ponte…nas ondas! acaba de subscribir un convenio de colaboración.

Todo este magnífico material, accesible na web de Ponte nas Ondas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*