Nenos sen apetito, ‘picoteadores’ e “malos comedores”

O apetito, ou sexa, o equilibrio entre a fame e a saciedade, está perfectamente regulamentado pola natureza.

Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención Primaria. Centro de Salud de Camas (Sevilla). Grupo Previnfad

Flickr: Paul Schultz / http://www.flickr.com/photos/pasfam/2113068473/
O apetito, ou sexa, o equilibrio entre a fame e a saciedade, está perfectamente regulamentado pola natureza. Foi a clave para a supervivencia durante milleiros de anos. O corpo sabe cando necesita comer e canta cantidade. Observemos a un bebé recentemente nado; busca o peito, cóllese, mama durante un intre e sóltao. Dorme outro intre, volve mamar. E, se todo vai ben e non hai interferencias, medra estupendamente.

Só se o bebé está enfermo ou débil, perde o apetito ou, máis ben, as forzas para comer. E o mesmo nos acontece na etapa adulta: deixamos de comer cando unha gripe nos mete na cama ou nos abate unha depresión. Ou se o facemos de forma voluntaria!

Entón por que hai tantas familias preocupadas porque o neno ou a nena (sexa bebé, párvulo ou escolar) come pouco? Por que se inventan chiscadelas, trucos, suplementos dietéticos, vitaminas e fármacos para que coman máis?

Vexamos uns casos concretos.

Lucas é un bebé de dúas semanas. Naceu con 2,900 gramos. Agora pesa 2,760 gramos. A súa nai dálle de mamar “a demanda”, cando esperta. Pero Lucas é moi bo. Come pouquiño e durme moito. O seu pediatra di: “É pouco comedor. Tranquilos. Xa recuperará o peso”.

Ao mes, pesa 2,980. Está débil. A nai cre que dá a demanda. Ninguén lle dixo que un bebé débil non ten forza para mamar e prefire durmir para aforrar enerxía.

Este caso necesitaría dun bo asesor de lactación materna que lle ensinase á nai a espertar o bebé, asegurándose de que mama ben, trucos para aumentar a produción de leite e, quizá, que recomendase un suplemento de leite dado sen tetina. Non era mal comedor. Só estaba débil.

Andrea, de dezaoito meses, vén a consulta porque non come desde hai tres días. Ten un pouco de febre, que baixa ben. Cáeselle moito a baba. Os pais cren que todo é porque lle están saíndo os cabeiros. Pero a nena ten úlceras na boca e as enxivas inflamadas. Unha enfermidade producida polo virus do Herpes. Non pode comer porque lle doe moito ao tragar. Non é inapetente; está enferma. Mellorará nunha semana.

Con calquera outra enfermidade tamén diminuirá o apetito, aínda que non haxa chagas. Ás veces, se o estómago está moi cheo, hai que facer máis esforzo para respirar e, bastante ocupado está xa o corpo con outras tarefas, como defenderse dos virus invasores… Tamén mellorará esta inapetencia en canto se supere a infección.

Germán é un neno de quince meses. Sempre tomou o peito, e medra moito. É máis ben delgado, como seu pai e súa nai. Encántanlle as comidas da casa, e come de todo, aínda que moi pouca cantidade. Quizá sexa ‘picoteador’ porque come moitas veces, pouca cantidade: unhas veces leite materno e, outras veces, dous ou tres bocados da comida dos seus pais. Isto é normal. Aproximadamente un terzo dos nenos é así. Comen o que necesitan. Pero aos poucos. Non lles gusta encherse. Cando empece a ir ao colexio, o seu horario será algo máis convencional.

Natalia, que ten dous anos, vén coa súa avoa, que está moi alarmada porque a nena come “moi-moi pouco”. Os pais tamén están preocupados, pero están traballando, e a avoa é quen se encarga das comidas. O peso e talla da nena son normais. Sempre o foron. O seu pediatra xa lles dixo que sobre esa idade os cativos teñen “inapetencia fisiolóxica”, pero non poden crer que coma “tan” pouco. Natalia corre, xoga, ri, está sa e dorme ben. Isto é normal. Come o que necesita, e a esta idade médrase un pouco máis amodo. Come moito máis un bebé de nove meses que un crío de dous ou tres anos!

Erros dietéticos e educativos tamén na orixe

Andrés ten tres anos. Come moi pouco. “Se non fose porque toma tres biberóns de noite, semi-durmido, e dous petit suisse despois do xantar e a merenda… non comería nada de nada”, din os pais. “Probamos de todo e, nada, non quere comer”. Este neno toma demasiado leite; está saciado e, por iso, non ten fame. Isto é un erro dietético. A esta idade basta con 2-3 racións de leite porque, pola contra, non “caben” outros alimentos… que son necesarios.

Marta, de tres anos e medio, segue tomando biberóns e potitos. Négase a comer “comida normal”. Posiblemente se trata dun erro educativo. Crendo que era o mellor para a nena, sempre lle deron alimentos industriais “para bebés” en lugar de comida caseira. A mellor idade para empezar a ofrecer alimentos convencionais son os 9-12 meses. Pequenas cantidades da comida dos seus pais, esmagada, cousas que poida coller cos dedos… Aproveitar que o neno ou a nena teñen curiosidade para probar o que comen os adultos fai que se afaga axiña.

Tono xa cumpriu 4 anos. Gústanlle case todas as comidas, pero toma cantidades pequenas. Deseguido empuxa o prato e quere ir xogar. O seu pediatra pésao e mide cada pouco tempo porque está “por baixo da media”. Seus pais son máis ben miúdos, ou sexa, que Tono é un neno normal, digno fillo dos seus proxenitores. É unha cuestión de xenética. O percentil é unha medida de estatística, non de saúde. Entre 100 persoas sas debe haber tres (tamén sas) no percentil tres. Ata por baixo, aínda que, xa neste caso, haxa que asegurarse de que o son de verdade.

Laura, tamén de catro anos, entra na consulta sentada na silliña, cun biberón de zume a medias. Os pais tamén están preocupados pola súa inapetencia. O seu pediatra estao porque non só ten moitas caries senón que xa ten obesidade. Almorza un biberón de 360 ml de leite con cereais e cacao, pero na cama e medio durmida ás seis da mañá. Logo non quere almorzar leite, por iso trae un zume (polo menos toma algo de froita, cren os pais, que non saben que ese zume ten menos dun 10% de froita). Tómao a pequenos sorbiños ao longo da mañá. A familia non se dá conta de que así non pode ter fame ao mediodía. Come só un pouco do guiso e, para compensar, porque era moi pouco, toma outro zume e unhas natillas. E así continuamente… un día e outro día. Laura come mal. Non é “mala comedora”, pois non é ela quen decide.

Nicolás, con seis anos, ten obesidade franca. A familia está preocupada. Saben que o neno come “mal”, porque non sae das súas comidas favoritas: fideos, arroz, macarróns, croquetas e iogures. Como non lle gusta a froita, tamén bebe moito zume envasado. Do que ten, ademais, leite, pois o crío négase a almorzar leite… Curiosamente, ten carencia de ferro, cousa que estraña á familia. Ten unha dieta monótona. Con toda probabilidade, Germán é o resultado dunha longa serie de erros cometidos coa mellor intención do mundo. E a esta idade é moi difícil cambiar os hábitos que xa ten moi consolidados. É necesario modificar todo o funcionamento familiar, incluíndo, probablemente, o que comen na casa.

LEMBRADE:

  • Dar de mamar a demanda favorece que os bebés coñezan a sensación de fame e saciedade. O primeiro mes hai que asegurarse de que maman, polo menos, 8-12 veces ao día.
  • Todos os nenos e bebés sans “saben” canto necesitan comer. Basta con ofrecerlles alimentos saudables cinco ou seis veces ao día, ademais do peito ou o biberón, a partir de que cumpran seis meses.
  • Os bebés que toman o peito adoitan probar axiña a comida de seus pais, pois están en brazos a miúdo. Todo lles gusta porque, ademais, o leite materno cambia moito de sabor.
  • Convén ofrecer alimentos caseiros en canto o bebé teña curiosidade e leve cousas á boca. Así vaise afacer aos sabores da súa familia e a súa cultura (só hai que ter coidado cos alimentos duros, cos que se poida atragoar: froitos secos, olivas pequenas, cenoria crúa).
  • As necesidades de cada un son diferentes. Se o neno medra normalmente, está san e xoga con alegría, non necesita máis comida.
  • O apetito diminúe cando estamos enfermos.
  • Se un neno toma moito dalgún alimento (por exemplo leite ou os seus derivados), deixará de tomar outros para compensar.
  • Cara aos 18-24 meses, o apetito diminúe pois o crecemento baixa de ritmo.
  • Forzar a comer, obrigar a terminar a papilla, enganar con xogos ou coa tele ten tres perigos:
    1)Que o neno adquira malos hábitos.
    2)Que non goce coa comida, pois a hora para comer é unha tortura ou moi aburrida.
    3)Que non aprenda a parar para comer cando xa ten suficiente; entón pode desenvolver obesidade.
  • Para que a alimentación infantil sexa saudable e equilibrada, é máis importante a variedade que a cantidade. E tamén aautonomía (comer soíños) e… gozar co que come!

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*