Un patrimonio para o futuro: a cultura galego-portuguesa camiño da Lista Representativa da Unesco

Docentes galegos e portugueses o 18 de outubro de 2004 en París facendo entrega da candidatura
Docentes galegos e portugueses o 18 de outubro de 2004 en París facendo entrega da candidatura

Este sábado 18 de outubro cúmprense 10 anos dunha cita histórica en París para a nosa cultura: a presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na UNESCO. Unha candidatura que, malia non pasar daquela o último trámite, recibiu especiais felicitacións da Unesco que, en documento oficial, lle recomendou aos gobernos de España e Portugal unha nova presentación de proposta. Foi a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea, e avalada por dous Estados. Unha iniciativa froito dun intenso traballo conducido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!

O Consello da Cultura acolleu en Santiago de Compostela un acto en conmemoración deste fito, no que ademais se lanzou oficialmente a nova campaña que buscará a inscrición na Lista Representativa da Unesco do patrimonio inmaterial compartido ás dúas beiras do Miño. Participaron no acto Olinda de Sousa e Santiago Veloso ( Ponte…nas ondas! ), Xosé Manuel González Reboredo ( Museo do Pobo Galego), José María Costa ( Presidente da Cámara de Viana do Castelo e da Rede Internacional de Entidades Transfronteirtizas (RIET), Valentín García ( Secretario de Política Lingüística da Xunta de

Galicia ), Jesús Gamallo ( Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia ), e Ramón Villares ( Presidente do Consello da Cultura Galega). Ademais, o evento contou coa intervención musical da artista galega Uxía Senlle e do portugués Augusto Canário.

Un patrimonio para o futuro

Abriu o acto Ramón Villares, resumindo o carácter “inclusivo, transfronteirizo, transnacional e transcultural” do proxecto e felicitando que xurda da sociedade civil e co protagonismo especial das escolas.

Santiago Veloso e Olinda de Sousa, voceiros de Ponte…nas ondas! explicaron o lanzamento da nova campaña pola inscrición do patrimonio común galego-portugués na Lista Representativa da Unesco. Unha iniciativa que, explicaron, procura o compromiso de involucrar ás escolas, “como verdadeiras protagonistas e motores”, subliñou Veloso. En nome do colectivo Ponte…nas ondas! fixo así un chamamento a asociacións e institucións, que de xeito masivo xa apoiaron hai dez anos a candidatura, para seguir remando xuntos e poder conseguir este fin. De xeito especial, a chamada diríxese aos “que foron a orixe e o motor desta iniciativa, e que tamén serán o futuro”, para que continúen a transmitir o patrimonio de saberes e tradicións ás novas xeracións e que apoien a inscrición. En segundo lugar, ás persoas, a título individual ou colectivo, para que se sumen a este propósito. E en terceiro lugar, ás entidades e institucións (Asociacións, Fundacións, Concellos, Deputacións, Consellerías… ) para que co seu apoio escriban na historia da Eurorrexión unha nova páxina logrando este recoñecemento para un patrimonio que xa é da humanidade, e que debe figurar na Lista Representativa da Unesco.

“Nas escolas séntese un orgullo e interese inmenso en favor do patrimonio inmaterial”, lembrou Olinda de Sousa, indicando que son as administracións agora as que deben responder tamén a esta demanda.

Suma de apoios en prol da “cultura común”

O etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo, colaborador da candidatura que acudía en representación do Museo do Pobo Galego, elixiu a expresión “monumentos da oralidade” para subliñar a importancia do patrimonio inmaterial compartido. Reboredo salientou “o entusiasmo e valentía” co que Ponte nas Ondas ten impulsado esta iniciativa e destacou a “filosofía de futuro” que anima o proxecto. Pola súa banda, o alcalde de Viana do Castelo, José María Costa falou da “casa común” do patrimonio inmaterial galego-portugués e prometeu ser “embaixador activo” da candidatura en Portugal.

Por parte do Goberno, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, felicitou o novo “impulso dun soño que vén de hai dez anos” e prognosticou “un final feliz desta volta para a candidatura”. Na mesma liña, Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores, prometeu acompañar e apoiar o proceso desde a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e falou da “cultura común” como o “verdadeiro pegamento” da Eurorrexión.

Unha emocionante intervención musical de Uxía Senlle e de Augusto Canario pechou o acto cunha escolma de pezas que brincaban a unha e outra beira do Miño. “A cultura é a arma máis importante para a paz“, comentou o artista portugués. Pola súa parte, Uxía rescatou uns versos de María Magdalena, poeta de Mos, que na altura dos seus 92 anos aínda recita: “Mas novos tempos son vidos, e as cousas van mellorar, e as poetas do Miño tanto imos remexer, tanto imos traballar, que á fin imos conseguir que dous países irmáns vaian collidos das mans. Portugal e máis Galiza, Galiza e máis Portugal”. 

Na rede

www.opatrimonio.org

www.facebook.com/opatrimonio

www.twitter.com/1patrimonio

Vídeo da presentación este venres 17 de outubro no Consello da Cultura

https://www.youtube.com/watch?v=uNsgU94Uu2A

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*