É unha das temáticas máis fascinantes do patrimonio cultural galego, apuntan os promotores do proxecto Petroglifos.org.
Segundo relatan na propia web, a idea naceu logo de máis dun ano de investigación cualitativa sobre todo o que rodea o mundo dos petroglifos. Un traballo que xuntou esforzos dun equipo qmultidisciplinar, con visións procedentes da antropoloxía, da arqueoloxía, das ciencias da información, da cultura, etc.
Nesa liña, e cavilando na posibilidades de posta en valor e divulgación deste patrimonio, decidiron lanzar esta iniciativa en internet. A falla de sinalización de petroglifos de extraordinario valor animou os seus promotores a desenvolver un xeolocalizador coa tecnoloxía de Google Maps que ofrece información rigorosa sobre a situación exacta das rochas e sitúa este proxecto na vangarda das tecnoloxías da información.