O Parlamento Europeo apoia un conxunto de decisións destinadas a protexer os menores.
O chamado ‘grooming’, o xeito a través do cal o adulto agresor estabelece vencello de amizade cun menor camuflándose por tras das novas tecnoloxías, é un dos novos delitos tipificados a nivel da Unión Europea logo das recentes decisións.
O Europarlamento apoio medidas destinadas por exemplo a obrigar aos respectivos gobernos á retirada e bloqueo de webs que conteñan pornografía infantil, introducindo ademais penas máis duras para as persoas implicadas na publicación deste tipo de contidos. Fíxanse castigos para os produtores deste material e tamén dun mínimo dun ano de cárcere para quen consuma ese material delitivo.
Tamén se define con máis rigor e dureza o que ten que ver co abuso e explotación sexual de menores, aumentando o número de supostos e de sancións. Ademais, a lexislación incorpora a posibilidade de que as persoas condenadas por este tipo de delitos sexan inhabilitadas temporalmente ou de xeito permanente para exerceren calquera profesión que vaia aparellada co contacto directo e habitual con menores de idade.