Nova Escola Opina: A Reválida de 6º de Primaria

Reflexión do colectivo Nova Escola Galega ao respecto deste tema.

NEG súmase aos colectivos de profesorado e familias que reclaman que non se realice a chamada proba de final de etapa de Educación Primaria tal como se contempla na LOMCE e no seu calendario de aplicación.

nova-escola-galegaEn primeiro lugar, por non considerármola apropiada para a formación do alumnado. O seu establecemento normativo concreto, feito no Real Decreto 1058/2015, de 20 de novembro (BOE do 28 de novembro), establece esta proba confirmando o seu carácter de “reválida” —denominación que desgusta ou da que foxen tanto o Ministerio como a Consellaría— ou sexa, de volver a validar ou “revalidar” o que se cursou nos seis cursos anteriores. Confírmase o seu carácter de reválida por varias razóns:

• Por realizarse nun momento puntual e único (exame), e non como unha observación continua e procesual, dando por bo que aquel instrumento de avaliación é mais fiable.

• Por ser feita por persoas externas ao centro, como se estas fosen garantes dunha maior obxectividade, e non o coñecemento continuado e en profundidade do alumnado e das súas circunstancias.

• Por ter como resultado unha cualificación individual, o que provoca unha sinalización e un primeiro paso a unha segregación, que se poderá concretar só dous anos despois, ao finalizar segundo da ESO, obrigando nese momento a decantarse por un tipo de matemáticas que marcarán o camiño para elixir un itinerario de estudos despois da ESO (FP ou Bacharelato).

• Por ter outra consecuencia individual que non se explicita, pero que con moita probabilidade consistirá, para aqueles que acaden malos resultados, a da repetición de 6º de Primaria, se non se repetira antes nesta etapa.

Para valorar a situación formativa do conxunto do alumnado e dos centros abondaba ben coa avaliación diagnóstica, que non está derrogada, e non tiña consecuencias académicas individuais para o alumnado. Cómpre constatarmos que, dos países da OCDE, cos que tanto gustan de nos comparar, somos o único —agás EEUU— que temos probas externas en primaria.

Por se isto fose pouco, o anuncio do debate e votación no Pleno do Congreso da primeira proposición de lei da lexislatura, co obxectivo de paralizar o calendario de implantación da LOMCE, que traería con seguridade como mínimo a anulación desta proba, deixa nunha incerteza inadmisible a centros e familias cando está a piques de rematar o curso. Sexa cal for o desenlace político da situación que estamos a vivir —novo goberno ou novas eleccións—, o máis sensato e menos gravoso para todos é que o propio goberno en funcións asuma o máis que seguro resultado da votación no Congreso, renunciando a empecer a súa aplicación. Se, como xa están anunciando, o PP decide dilatar ao máximo os tempos, independentemente do prexuízo que, sen dúbida, ocasionaría, demandamos que, tal e como están facendo outras comunidades autónomas, o goberno galego se formule abordar, no uso das súas competencias, o modelo de avaliación que resulta máis acaído de cara a facer un seguimento completo dos obxectivos do sistema educativo no noso contexto.

Outras comunidades están dando pasos nesta liña, apostando por unha avaliación do sistema no seu conxunto e non reducíndoa á comprobación da adquisición de determinadas competencias por parte do alumnado.

Nova Escola Galega

 

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*