XXXV Asemblea Anual de Nova Escola Galega

“Coeducar para transformar a vida” foi un dos documentos aprobados polo colectivo, que reclama “converter a coeducación en motor do cambio social esixido este 8M de xeito clamoroso nas rúas de todo o país”.

Achegamos íntegro o comunicado:

Na mañá do pasado sábado día 9 de marzo, en Santiago, Nova Escola Galega celebrou a súa XXXV Asemblea Xeral, na que se procedeu ás aprobacións das memorias de actividades e económica, así como á renovación do secretariado nacional. Así, tomouse conta do cesamento por motivos de tempos estatutarios da actual presidenta Mª Dolores Candedo Gunturiz –quen permanece no órgano como vogal- e procedeuse ao nomeamento de Xosé Lastra Muruais como presidente para o próximo período. (Aquí, a composición do novo secretariado electo).

Así mesmo, a asemblea deu aprobación a unha resolución sobre coeducación (“Coeducar para transformar a vida“) e outra sobre a lingua.

A segunda parte estivo dedicada a un Faladoiro sobre Educación Pública e Cidadanía Democrática, mediante un debate por grupos e unha posta en común final. Reflexionouse en torno a tres eixos principais: escola pública, escola democrática e escola galega.

No primeiro deles analizáronse as vías a través das que se coa a privatización no sistema educativo, fornecendo un pensamento individualista e competitivo que supón un obstáculo para o desenvolvemento de concepcións e actitudes a prol do público. Nesta liña preocupa especialmente a “externalización” da abordaxe sobre o chamado “fracaso escolar”, a excesiva dependencia dos materiais didácticos suxeitos aos intereses das editoriais, e a “medición” de indicadores de calidade baixo parámetros do mundo empresarial. Canto ás cuestións que afectan á configuración dunha escola democrática, destacouse a falta de protagonismo da comunidade educativa, nomeadamente das familias, na vida dos centros e o crecente peso das direccións, controladas desde a propia administración educativa. Constátase a rémora dun funcionamento excesivamente ríxido dos órganos de participación e a falta de vieiros reais de participación na infancia e na mocidade, o que minimiza as posibilidades dos centros educativos para traballaren como escolas de cidadanía e mesmo seren máis permeables á cultura da contorna comunitaria. Estimouse que a escola ten a obriga de abrirse á comunidade tecendo redes, apostando polo valor do comunitario, cambiando a actitude, poñendo talento inclusivo, observando o contexto, promovendo a sincronía con outras profesionais. No tocante á igualdade son moitos os elementos organizativos, curriculares e de convivencia que deberan revisarse á luz dunha mirada de xénero.

Finalmente e no bloque referido á escola galega destacouse a involución lingüística que se vén perpetrando na última década, con consecuencias que afectan ao coñecemento e aprecio cara aos referentes culturais propios, ausentes en boa medida do currículo. En todos estes ámbitos – defensa do público, da participación democrática e da galeguización da escola– hai un espazo grande e responsabilidade nas comunidades educativas e, nomeadamente, no profesorado e noutros profesionais da educación, que aconsella unha análise máis demorada e autocrítica. Asemade aprécianse xperiencias moi recomendables que conviría dar a coñecer e estender polo país a fin de reverter aqueles elementos que nos afastan do modelo de escola pública, democrática e galega que vimos defendendo. Con ese horizonte de traballo e compromiso pechouse a xornada.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*