Igualdade, lingua e tempos escolares

Imaxe: NEG

Achegamos o boletín de decembro de Nova Escola Galega Opina:

Vivimos nunha sociedade e, polo tanto, nun sistema educativo que aínda ten como reto a educación para a igualdade. A educación que recibimos dende a infancia está condicionada por unha socialización que non ten en conta a perspectiva de xénero e que está impregnada de estereotipos e roles sexistas, que sustentan a sociedade machista.

A loita e o activismo feminista conseguiron que a necesidade da coeducación chegase ás institucións, e é así como comezan a agromar iniciativas que camiñan cara á educación pola igualdade. Cada vez contamos con máis recursos por parte da Consellaría e os Plans Proxecta presentan varias ofertas de proxectos que teñen como fin este reto; así mesmo os Contratos Programa estrean este curso unha liña de actuación exclusivamente sobre igualdade. Tamén este curso se estreou o Club de letras coa temática da igualdade. Son varias e cada vez con máis presenza as iniciativas a prol da visibilización desta realidade xa imparable.

A orde do día dos centros neste primeiro trimestre respecto a esta temática vén marcada por dúas cuestións que requiren dun proceso de análise: o plan de igualdade e o ingreso económico extraordinario para empregar en actividades relacionadas coa promoción da igualdade entre homes e mulleres, e coa prevención da violencia de xénero.

O plan de igualdade vén regulado na Instrución do 6 de setembro de 2019, da DXEFPIE, para a elaboración de plans de igualdade no curso 2019/2020, nos centros docentes sostidos con fondos públicos de niveis non universitarios da CEUFP. A chegada aos centros desta instrución e o cumprimento de prazos —a entrega do mesmo requírese coa entrega da Programación Xeral Anual— fai da praxe a realización apresurada dun documento sen o necesario proceso de análise e reflexión que require. Este proceso non é posible levalo a cabo en dous meses con garantías de éxito e non dá a oportunidade de debatelo con todos os axentes da comunidade educativa como sería desexable para ter en conta o alumnado, o profesorado, as familias e o persoal non docente.

Este plan debería converterse nunha ferramenta para levar a cabo actuacións e cambios consensuados en relación cos valores e modelos que defendemos.

No tocante ao ingreso económico extraordinario que provén do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, hai que indicar que chega aos centros a mediados de novembro e establece como prazo de xustificación do gasto o ano natural 2019. Perde grande parte das posibilidades que parece ofrecer polas condicións nas que se materializa: gastar e xustificar con presas leva xusto a conseguir o contrario do que se di perseguir. As decisións apresuradas, neste momento do trimestre, dificultan a boa xestión dos recursos públicos, sendo tantas as necesidades na educación para a igualdade.

Ademais, neste primeiro trimestre as axendas escolares teñen presente o 25 de novembro. É un mes no que se bombardea o alumnado coa temática da violencia machista, e ante isto cabe abrir dous interrogantes:

1) está preparado o profesorado para abordar esta temática?

2) é funcional a maneira de abordar a temática que se está dando na praxe?

Respecto á primeira cuestión é importante sinalar que a formación do profesorado actualmente non garante que esteamos preparadas para abordar esta cuestión, pois coeducar implica unha sensibilización e unha forma de ser e estar que precisa da mobilización de múltiples aspectos interpersoais condicionados por factores tan relevantes como a cultura, a relixión, os estereotipos sociais… Unha vez máis, constatamos que este tipo de cuestións claves no ámbito educativo quedan relegadas ao voluntarismo do profesorado.

Respecto á segunda cuestión é necesario abrir un debate sobre como se traballa a violencia machista nos centros. Nestas datas invadimos ao alumnado con titorías, exposicións e información sobre a violencia. Pero é útil isto? E sobre todo… é pedagóxico? Un tema desta importancia e coa responsabilidade que temos, sendo a educación a base para a prevención de calquera tipo de desigualdade e violencia…, non debe reducirse a ser tratado de xeito concreto un mes ao ano e, sobre todo, non debera ser tratado do xeito en que o facemos, como algo anecdótico e moitas veces quedando na superficie da problemática, na punta do iceberg. Unha intervención eficaz e realmente coeducativa debe ir dende a base, traballando valores como a empatía e, sobre todo e ante todo, cuestionando o currículo oculto, facendo deste tema un tema transversal real.

No Boletín de decembro de Nova Escola podes ver tamén o Décalogo para unha nova Lei de Educación. Preme aquí para descargalo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*