O circo do silencio, “sala de fuxida” en galego

Cada sesión admite 4 xogadores que deberán resolver en equipo unha serie de enigmas para completar a misión final.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do “scape room” O circo do silencio, unha actividade dirixida especialmente á mocidade que pasará por 10 concellos galegos dentro da programación do FalaRedes 2023, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta.

Na rolda de prensa, na que estivo acompañado por Érica Pereiro, representante da compañía Artefeito, entidade que programa o xogo, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recalcou que “a sala de fuxida ou scape room é un formato moi de moda entre a infancia e a mocidade, polo que pensamos que resultará atractiva para estas idades e, dado que é, se non me equivoco, a primeira centrada nun tema de lingua, axudará a xente nova a reflexionar sobre o uso, o presente e o futuro do galego”.

Concellos participantes

O circo do silencio é un “scape room” ou sala de fuxida ambientada nunha carpa circense instalada na rúa. Está pensada para catro xogadores por quenda, que terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completaren a misión final.

A actividade parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras que lle permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. Os participantes interpretarán un grupo de detectives contratados para investigaren este roubo. Así, terán que atopar pistas, resolver enigmas, descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperar as palabras e devolverllas ao circo.

A primeira xornada será o vindeiro xoves 20 de xullo na Praza do Concello de Xinzo de Limia, onde se poderá participar cada 45 minutos entre as 11,00 e as 21,00 horas. O mesmo funcionamento seguirá nos restantes 9 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística polos que pasará: Ponteareas (Praza Maior) o 21 de xullo, Foz (Paseo Marítimo) o 25 de xullo, A Estrada (Alameda) o 26 de xullo, Oleiros (Praza Ester Pita en Santa Cruz) o 28 de xullo, Arzúa (Praza de Galiza) o 30 de xullo, O Grove (Praza do Corgo) o 31 de xullo, Ordes (Alameda) o 3 de agosto, Caldas de Reis (Carballeira Caldas de Reis) o 4 de agosto e Verín (Alameda) o 15 de agosto.

A información completa pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Máis de 2.500 actividades culturais

Con esta proposta, o FalaRedes suma 73 accións de ocio en galego para repartir entre os concellos da rede durante os próximos meses. A XII edición deste programa de dinamización lingüística forma parte de CulturON, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que suma máis de 2.500 actividades culturais previstas para este verán en colaboración con distintos concellos e entidades.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*