Descubrir a riqueza ornitolóxica da zona do Mandeo

Proxecto MandeoAlumnado de dez concellos afonda na biodiversidade da comarca no contorno deste río.

“Pretendemos achegar a ornitoloxía aos máis novos e involucralos en programas de educación ambiental, axudándolles a descubrir o alto valor ornitolóxico desta zona, incluída dentro da rede Natura 2000”, explicou o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. Destacou o presidente da institución que o bautizado Proxecto Mandeo “só será un éxito se contamos coa colaboración dos concellos e dos centros escolares da zona”.

Subliñou Moreda que un dos obxectivos máis importantes da iniciativa é educar a nenos e mozos na importancia de valores como a sustentabilidade e o respecto ao ambiente”. O Proxecto Mandeo inclúe ademais da educación ambiental o traballo para a optimización dos recursos da auga e a dinamización turística da zona. Ao abeiro desta iniciativa, 3.500 rapaces de Primaria, Secundaria e Bacharelato traballan xa na aula con unidades didácticas do Proxecto Mandeo e coas maquetas interactivas que se atopan tamén a disposición dos colexios e centros culturais dos 10 concellos desta área e que serven para que os cativos aprendan xogando.

Kits ornitolóxicos
En apoio do proxecto, esta semana entregáronse a 18 centros da zona cadanseu kit de observación ornitolóxica. Valorado en 4 mil euros cada un deles, inclúe un telescopio ornitolóxico Swaroski, trípode e trece prismáticos, con distintas ópticas, para cada colexio. Os centros que contarán con este recurso son o CEIP Virxe da Porta (Concello de Sobrado); EEI de Souto, Areas e A Viña (Paderne); CEIP de Oza dos Ríos; IES de Curtis, CEIP de Curtis e CEIP de Teixeiro; EEI Fontenlo e EEI Coirós de Arriba (no Concello de Coirós); CEIP Bragade (Cesuras); IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar, CEIP Francisco Vales Villamarín, e CPR Nosa Señora do Carmen (Betanzos); CRA de Bergondo e CEIP de Cruz do Sar (Bergondo); e CEIP A Castellana (Aranga)

Excursións ornitolóxicas
A riqueza biolóxica e o atractivo do seguimento e estudo das aves foi salientado durante o acto, subliñándose o incremento do interese e aumento de persoas afeccionadas ao chamado “turismo ornitolóxico”. Alén da marca de calidade turística Refuxios do Mandeo que funciona nesta área coruñesa, o Proxecto Mandeo inclúe a construción de dous novos observatorios ornitolóxicos, nos concellos de Paderne e Bergondo. Neste último, integrado na vexetación da zona e na liña de ribeira da marisma, rapaces das escolas participantes puideron probar os novos equipos de observación.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*