Obradoiro de pequenos cineastas

Obradoiro de pequenos cineastasIniciativa incluída no ciclo Compostela Cine Classics.

Un Obradoiro de pequenos cineastas para que nenas e nenos e nenas aprendan das marabillas da sétima arte. As actividades inclúen a construción dun minidecorado de cine e traballo co chroma e con animación stop-motion. Un taller destinado a rapazas e rapaces de entre 7 e 12 anos.

Terá lugar no Centro Sociocultural das Fontiñas os mércores 25 de abril e 2 e 9 de maio e os xoves 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 18:30 a 20:30 horas. O prezo é de 9 euros e a inscrición debe formalizarse entre o 21 de marzo e o 18 de abril no CSC das Fontiñas.

Compostela Cine Classics
Ese obradoiro pensado para a cativada forma parte dunha actividade máis ampla, o ciclo Compostela Cine Classics’12, que quere achegar algúns dos grandes títulos que todo cinéfilo ten que coñecer a un público amplo e sen necesidade dunha formación e coñecementos determinados nese eido.

O programa inclúe así a proxección dos filmes e a continuación unha charla coloquio con expertos en cinema. As proxeccións, todas en versión orixinal con subtítulos, realizaranse os venres (coa excepción do venres santo), comezando este 23 de marzo e rematando o venres 1 de xuño. Celebraranse ás 20h nos centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche. Poderánse ver, sucesivamente, O acorazado Potemkin (Serguéi M. Eisenstein, 1925); A dilixencia (John Ford, 1939); O falcón maltés (John Huston, 1941); O crepúsculo dos deuses (Billy Wilder, 1950); West Side Story (Robert Wise e Jerome Robbins, 1961); A cruz de ferro (Sam Peckinpah, 1977); A cor púrpura (Steven Spielberg, 1985); The matrix (Andy Wachowski e Lana Wachowski, 1999); Gran Torino (Clint Eastwood, 2008); e Os santos inocentes (Mario Camus, 1984).

Tamén para os adultos se organizou un taller, neste caso un Obradoiro para adultos de guión cinematográfico co tres veces gañador do Goya e guionista de Arrugas Ángel de la Cruz. Desenvolverase os mércores 11, 19 e 25 de abril e 2 de maio, de 20:00 a 22:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Este obradoiro ten un prezo de 12 euros e son 20 as prazas dispoñibles. Os interesados poden inscribirse no propio CSCXM do Ensanche ata o 4 de abril, en horario de 10:00 a 14.00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*