¿Elas máis sobresaíntes pero eles máis premios extraordinarios?

Imaxe: SInc
Imaxe: SInc

A educación é vital para o desenvolvemento económico e social de calquera país. Para medir o rendemento dos estudantes, os gobernos autonómicos establecen unha serie de premios. Un deles é o premio extraordinario da ESO, unha proba escrita para aquel alumnado cuxa media nos catro anos que integran esta etapa sexa de sobresaínte.

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña analizou os resultados obtidos polos estudantes presentados a esta proba para obter resultados por xénero.

“A metodoloxía baséase en analizar todas as cualificacións obtidas para o período 2008-2013, clasificándoas en función de diversas variables: xénero, hábitat (urbano e rural), titularidade do colexio (pública e privada), formación dos pais e a súa situación laboral”, explica a Sinc Francisco Jesús Ferreiro, da USC e coautor da investigación.

O censo para ese período foi de 1.522 estudantes, todos os que se presentaron en Galicia.

“Para presentarse ao premio hai que ter unha media de sobresaínte, e con esta nota había máis mozas (63%) que mozos (37%). Gañar o premio é moi complicado, xa que só outorgan 20 por ano, o que supón o 5,2% do total do alumnado que se presenta. Chama a atención que o resultado en xeral non é bo, ata de media suspenden en varias materias. En Matemáticas obteñen a peor puntuación, seguida de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia e as optativas de Física e Química, e Bioloxía e Xeoloxía”, asegura o investigador. En cambio, si aproban as linguas “castelá e galega”, e en inglés obteñen os mellores resultados de media.

“O máis rechamante do estudo – engade o experto – é ver que en todas esas materias os mozos sacaron mellor nota media que as mozas e de xeito significativo, é dicir que existe unha probabilidade estatística do 95% que a nota media dos mozos sexa mellor que a nota media das mozas?.

Pero, se durante os cursos hai máis mozas sobresaíntes, como é posible que no premio extraordinario sexa ao revés?

“Queremos facer fincapé que calquera estudo debe ser tratado con prudencia. En primeiro lugar, porque a nosa mostra ten unhas características especiais que non son extrapolables a toda a poboación da Educación Secundaria, xa que son probas feitas só en Galicia e para un colectivo de alumnado sobresaínte; e en segundo lugar, porque non se atoparon estudos estatais nin internacionais que analicen os resultados deste tipo de alumnado que nos permitan comparar os resultados”, conclúen.

O estudo está englobado dentro dun máis amplo sobre o rendemento medio a través do premio extraordinario da ESO en Galicia, onde analizan a influencia de distintas variables, como o hábitat, a contorna familiar e a titularidade do centro.

Referencia bibliográfica:

Francisco Jesús Ferreiro Seoane, María Dorinda Mato Vázquez, Rocío Chao Fernández. Análise do rendemento académico por xénero medido a través do premio extraordinario da IESO?, RIPS 13 (2), 53-76. 2014.

Fonte: USC / Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*